As obras da segunda fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns, en Noalla, avanzan segundo o ritmo previsto. De seguir así, o novo espazo multifuncional que se está acondicionando no seu interior estará rematado ao longo da próxima primavera.
Así o asegurou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que visitou os traballos que se están realizando neste pazo, declarado como ben de interese cultural en 2017.
Este espazo multifuncional permitirá albergar nel pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade de aproximadamente 128 persoas sentadas e 222 de pé.
A actuación que está en marcha, nestes momentos, céntrase no propio edificio coa carpintaría e a estrutura en pedra exterior, mentres que nos últimos meses avanzouse nas conexións e a estrutura.
Trátase dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do pazo, situada practicamente encostada ao muro perimetral de peche do patio de labranza.

O seu deseño, en pedra, madeira e vidro principalmente, permite ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre.
Ademais, habilitarase un aparcadoiro na leira oeste anexa que disporá de 27 prazas, estando dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. De forma conxunta co aparcadoiro, pavimentarase con lastro o acceso.
Para completar esta mellora das condicións de acceso iluminarase, delimitaranse as prazas de aparcadoiro e procederase á motorización do portalón anexo ao hórreo para o peche do conxunto do pazo.
Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcadoiro proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva de baixo porte.
Entre as actuacións incluídas nesta segunda fase destacan a recuperación do antigo hórreo e da totalidade dos muros perimetrales e interiores.
Ademais, prevese adecuar os 'parladoiros' do pazo cunha nova iluminación e habilitaranse itinerarios peonís coa instalación de laxas de granito tipo silvestre sobre cama de area.