Galicia recibirá 9,6 millóns de euros para a mellora do uso turístico en Bens de Interese Cultural (BIC) a través dunha convocatoria de axudas do Ministerio de Industria e Turismo.
O Goberno estatal publicou este venres a proposta de resolución definitiva desta liña de axudas pensada para a dinamización do patrimonio histórico con uso turístico e chama a atención unha das que se denegou, o Pazo de Lourizán de Pontevedra.
Na lista de concedidos, si figuran dous proxectos na provincia, relativos ao Castelo de Soutomaior e o xardín botánico e a carballeira de Caldas de Reis.
Para Soutomaior, concede unha axuda de 2,5 millóns de euros solicitada pola Deputación Provincial para a mellora patrimonial do castelo a través da iluminación, a accesibilidade e tecnoloxías de realidade virtual.
No caso de Caldas, concédese ao Concello unha axuda de 1,45 millóns para converter o xardín botánico e a Carballeira nun Museo Aberto 24/7.
O proxecto do Pazo de Lourizán, cuxa titularidade acaba de asumir a Xunta, propúxoa a Axencia Turismo de Galicia e sale denegada por "esgotamento do orzamento".
Tamén se denegou por ese mesmo "esgotamento" outros dous proxectos na provincia, a reforma e a posta en valor do Pazo Torrado e os xardíns de Cambados e a iluminación ornamental do centro histórico de Pontevedra, que inclúe a mellora da eficiencia enerxética e actuacións de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico.
Os proxectos beneficiarios das axudas seleccionáronse tendo en conta características do destino, como a viabilidade, calidade e potencialidade turística dos mesmos. Entre os criterios de valoración consideráronse, ademais, destinos con risco de despoboamento para impulsar a súa potencialidade turística e fortalecer a cohesión social e territorial.
As actuacións que se van a levar a cabo nestes proxectos inclúen a conservación, o mantemento, a posta en valor e rehabilitación de bens declarados como Bens de Interese Cultural para uso turístico. Igualmente inclúense outras medidas como a mellora da accesibilidade universal, a mellora da eficiencia enerxética e o aforro do consumo de recursos hídricos e enerxéticos, ou a redución e compensación da pegada de carbono, entre outros.