Conclúen os traballos no Pazo Besada para protexer e conservar unha árbore centenaria

Poio
14 de novembro 2024

As actuacións incluíron poda de mantemento e limpeza de ramas secas ou en mal estado, descompactación do terreo e achega de nutrientes, instalación de ancoraxes para riscos de rotura e aseguramento

O metrosideros do Pazo Besada
O metrosideros do Pazo Besada / Concello de Poio

Os xardíns do Pazo Besada contan cun exemplar de metrosideros robusta que ten máis de cen anos e que forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia tanto pola súa antigüidade como porque se trata dunha especie pouco común na comunidade autónoma.

Desde o Concello de Poio, en colaboración coa Xunta, realizaron traballos de poda de mantemento e limpeza de pólas secas ou en mal estado, descompactación do terreo e achega de nutrientes, instalación de ancoraxes para riscos de rotura e aseguramento da árbore.

Aínda que este exemplar atopábase en bo estado, tanto físico como sanitario, con estas actuacións garántese a súa conservación e protección.

Ademais, renovouse tamén o cartel con toda a información sobre esta especie, onde se destacan algunhas das súas características, por exemplo a súa floración, o tipo de folla e cortiza.

O metrosideros robusta do Pazo Besada é unha árbore da familia das mirtáceas, facilmente recoñecible entre outras especies de metrosideros polas súas follas verdes escuras e aterciopeladas que miden de 25 a 50 milímetros de lonxitude por 15-25 mm de ancho e teñen unha rotura distintiva na punta.

A súa copa é ampla e tupida, mostrando a súa parte máis frondosa cara á estrada, por atopar aquí maiores posibilidades na obtención de luz.

O Concello de Pontedeume tamén conta con outro exemplar de metrosidero, nese caso da variedade excelsa, emprazado nos xardíns contiguos ao Torreón dos Andrade. Ese exemplar, coñecido pola cidadanía como "Árbore da Bruxa", tamén está enmarcado no Catálogo de Árbores Senlleiras.

Desta segunda variedade o Catálogo inclúe un terceiro metrosidero situado á beira do cuartel da Policía Local da Coruña, aínda que no momento da súa plantación o edificio utilizábase como pequeno hospital ou sanatorio para pacientes con enfermidades contaxiosas.