Paulo Carril, secretario xeral da CIG, defende en Pontevedra a xubilación voluntaria a partir dos 35 anos cotizados

Pontevedra
05 de xuño 2024

O sindicato nacionalista celebraba unha asemblea de delegados e delegadas para a continuación realizar unha manifestación ante as oficinas do INSS en Gagos de Mendoza. Carril denuncia a negociación "escurantista" que, segundo afirma, está a desenvolver o goberno para impedir "unha xubilación xusta" e alertan de que a negociación se está a levar a cabo sen ter en conta aos órganos de representación como a CIG. Piden a xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras en todos os sectores e recuperar a xubilación aos 65 anos

Manifestación da CIG reclamando xubilación dignas
Manifestación da CIG reclamando xubilación dignas / Mónica Patxot

Representantes da CIG, co secretario xeral Paulo Carril á fronte, percorreron as rúas de Pontevedra partindo da rúa Alfonso XIII ata as oficinas da Seguridade Social en Gagos de Mendoza.

As mobilizacións, convocadas nas principais comarcas de Galicia, levan a cabo para denunciar a negociación "escurantista" que impide chegar a unha xubilación xusta, segundo manifestaba Carril. despois de manter asembleas de delegados e delegadas do sindicato.

Afirma que se está a negociar "de forma ilegal" ao actuar fóra dos órganos de representación institucional, nos que a CIG debería estar a participar. 

Carril indica que o goberno pretende establecer en 63 anos a xubilación parcial "cando existe o triple de desemprego xuvenil" e denuncia que isto supón unha prolongación da vida laboral en situacións que chegan a ser "insalubres, tóxicas, perigosas ou penosas".

Acusa o Ministerio de Traballo e a CCOO, UGT e á patronal de acometer un proceso que empeora as condicións actuais e por este motivo trasladan o debate aos centros de traballo e á rúa a través de mobilizacións.

A CIG reclama que se restableza o dereito para xubilarse parcialmente aos 61 anos para todas as persoas traballadoras en todos os sectores e non só na industria manufactureira. 

Tamén demandan recuperar a xubilación aos 65 anos para toda a clase traballadora fronte aos 67 establecidos actualmente. E a xubilación voluntaria a partir dos 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.

Paulo Carril insistía en que a reforma proxectada polo Goberno central ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións e por este motivo é preciso esixir unha xubilación digna.