A pontevedresa Paula Dapena, cuxa imaxe deu a volta ao mundo ao negarse a render homenaxe ao futbolista Diego Armando Maradona, acaba de ser recoñecida nos V Premios de Igualdade 'Maruja Vázquez Suárez' que concede o PSdeG.
Nesta edición, foi recoñecida coa futbolista galega Vero Boquete, ausente no acto de entrega porque actualmente xoga como centrocampista e dianteira na Fiorentina, da Serie A de Italia.
Boquete, considerada como unha das mellores futbolistas españolas da historia, foi recoñecida por ser "un exemplo e referente para moitas mulleres" e tamén "polo seu firme papel na defensa da igualdade entre mulleres e homes" e "pola súa constante denuncia das desigualdades e discriminacións por razón de sexo nun mundo marcadamente masculinizado como o fútbol".
Paula Dapena, técnica en actividades físico deportivas, formada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Universidade de Vigo, e xogadora en diversos clubs de fútbol da provincia, recibe o premio "polo seu compromiso e activismo feminista" e "pola súa valente condena a comportamentos machistas nun mundo que a apaixona, o do fútbol".
O xesto xa famoso de Paula Dapena tivo lugar en novembro de 2020 nun partido amigable entre o seu equipo, elViajes Interrías FF, e o Deportivo da Coruña en Abegondo. Negouse a gardar un minuto de silencio por Maradona, que falecera esa mesma semana, polos comportamentos machistas do futbolista, sentouse no chan e púxose de costas.
A pontevedresa recolleu o premio este sábado en Santiago de Compostela moi contenta por compartilo cunha das súas "referentes", Vero Boquete e, aproveitando que se falaba de deporte, quixo lembrar que "aínda non conseguimos estar todas nos espazos que nos merecemos" e que se van dando "pasiños", pero "tampouco avanzamos á velocidade que deberiamos e o que conseguimos por unha banda golpéanos por outra". Como exemplo deses golpes á loita das mulleres, falou da "usurpación dos nosos espazos por parte de homes autoidentificados mulleres que nos están quitando os nosos lugares seguros".
Sobre o seu xesto do ano 2020, sinalou que o fixo "porque era o que consideraba correcto, era fiel aos meus valores, aos meus principios e quería darlle o seu minuto de silencio a esas mulleres ás que se lle negou o seu minuto de silencio o 25 de noviembre dese mesmo ano, que eran vítimas de violencia machista".
Foi un xesto pequeno e espontáneo que lle valeu o recoñecemento do Premio Cidade de Pontevedra e do que moitos destacaron a súa valentía. A ela deulle moita visibilidade e recoñece que "supuxo un cambio moi grande na miña vida" que lle deu "moita forza para seguir loitando polo que é xusto".
A pontevedresa quixo adicarlle o premio a todas as mulleres que loitan todos os días, ás que foron referentes para facer mellor as cousas nos diferentes ámbitos e "ás novas xeracións que veñen pisando forte". Adicoullo a todas esas nenas que empezan a xogar ao fútbol e a practicar deportes considerados masculinos. "É para elas".
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, tomou a palabra no acto para reivindicar o feminismo como "motor xerador de dereitos e liberdades" e "instrumento que sostén e impulsa o cambio de valores na sociedade" e lamentou que a igualdade "non sexa unha prioridade para o novo goberno de Rueda".
De Vero Boquete e Paula Dapena destacou o seu compromiso social coa igualdade e a súa traxectoria para "acabar coas barreiras" impostas ás mulleres no deporte e na sociedade.
Silvia Fraga, secretaria de igualdade do PSdeG, destacou a figura das dúas deportistas como representantes da "revolución feminista no fútbol protagonizada pola gran selección española de fútbol feminino" durante o ano pasado.
Salientou o papel das futbolistas galegas, que "teñen dado a cara para defender a igualdade, converténdose en exemplos e referentes para moitas outras mulleres" na "loita imprescindible" contra "a caverna, o patriarcado, os machistas que se revolven porque se resisten a perder os seus privilexios".