Efectivos da Garda Civil e a Policía Local de Sanxenxo realizan estes días patrulla conxuntas para vixiar o cumprimento do Real Decreto 463/2020 de declaración do estado de alarma, en especial, no relativo ás restricións de desprazamentos na vía pública.
Sanxenxo converteuse hai unha semana en epicentro da polémica pola chegada á localidade de viaxeiros doutras partes de España a ocupar as súas segundas residencias ou aloxamentos turísticos, un comportamento que obrigou ao goberno local a tomar medidas para restrinxir a posible presenza de persoas na rúa tales como o peche dos accesos ás praias ou os parques.
Esta fin de semana, a imaxe que presenta a localidade é totalmente distinta e as patrullas de vixilancia conxunta están a realizar percorridos periódicos por unha localidade na que apenas se ve a persoas pola rúa, dando así cumprimento á petición das autoridades de confinarse na casa para frear a expansión do coronavirus.
En relación coas localidades como Sanxenxo cheas de segundas residencias, convén destacar que a Dirección Xeral de Tráfico e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil estableceron nos últimos días controis nas estradas de saída das grandes cidades para evitar os desprazamentos a segundas residencias con motivo da proximidade da fin de semana.
A Garda Civil realizou 30.000 controis de estrada o venres e reforzouse durante toda a fin de semana co fin de vixiar o cumprimento das restricións de circulación impostas.
Así, convén lembrar que desde a declaración do estado de alarma o pasado sábado 14 de marzo, hai unha semana, está limitada a liberdade de circulación das persoas e non se pode circular polas vías de uso público, excepto para a realización das actividades recollidas no artigo 7 do RD 463/2020. Esta limitación da circulación é unha medida imprescindible para facer fronte á situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19.