Patrón maior de Portonovo: "Escoitaba comparacións co Prestige. Creo que non é para alarmarse desa maneira porque non é tóxico"

Sanxenxo
10 de xaneiro 2024

Martín Domínguez sinala ante os medios de comunicación: "Creo que tiñamos que ter un pouco máis de tranquilidade, non alarmarse desta maneira como se está facendo". E lembra que durante o ano van chegando "plásticos, cabos, redes, que levan miles e miles deses plásticos, de esas boliñas"

Martín Domínguez, patrón maior de Portonovo, á esquerda
Martín Domínguez, patrón maior de Portonovo, á esquerda / Mónica Patxot

A chegada masiva de granulados, os coñecidos como 'pellets', á costa galega xera preocupación no sector da pesca e o marisqueo, pero tamén queren poñer negro sobre branco algunhas cuestións que consideran que poden prexudicalos, como a concepción de que os peixes e mariscos poden estar contaminados. 

Esta preocupación abordouse este mércores nunha reunión celebrada na lonxa de Portonovo entre o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, e os patróns maiores de Sanxenxo e Portonovo. Este último, Martín Domínguez, amosouse especialmente preocupado polas comparacións que se están a facer co desastre do Prestige de 2022.

"Escoitaba nos medios de comunicación unhas comparacións co Prestige. Creo que non é para alarmarse desa maneira, nin de ningunha maneira porque é un material que realmente non é tóxico, que se fabrican as botellas de auga con el", sinalou en declaracións aos medios.

O patrón maior de Portonovo engade que "creo que tiñamos que ter un pouco máis de tranquilidade, non alarmarse desta maneira como se está facendo". 

Non nega a importancia desta marea branca, "claro que é moi importante", pero engade que hai que darlle moita máis importancia a que durante o ano van chegando "plásticos, cabos, redes, que levan miles e miles deses plásticos, de esas boliñas, ás que agora mesmo estamos dando unha importancia.".

Hai que limpalo, sinala, e tomar as precaucións correspondentes, pero "non creo que vaiamos a moito máis con iso", conclúe.

Arquivado en