Patrimonio rexeita de novo o proxecto para a Horta do Cura

Pontevedra
21 de novembro 2017

Por terceira vez, Patrimonio rexeitou o proxecto urbanístico da Horta do Cura, en pleno centro histórico de Pontevedra. Un informe negativo por parte da Xunta obrigará aos seus promotores para modificar de novo os seus plans para este ámbito urbano

Horta do cura
Horta do cura / Mónica Patxot

Por terceira vez, Patrimonio rexeitou o proxecto urbanístico da Horta do Cura, en pleno centro histórico de Pontevedra. Un informe negativo por parte da Xunta obrigará aos seus promotores para modificar de novo os seus plans para este ámbito urbano, delimitado polas rúas Bastida, Alhóndiga, Don Filiberto, Manuel Quiroga, Fernández Villaverde e Michelena.

A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, explicou que, nesta ocasión, Patrimonio informa de maneira desfavorable ao proxecto polo acceso dos coches desde a rúa Bastida. Solicitan que se garanta a entrada e saída de vehículos e, ao mesmo tempo, que se manteña a estrutura da fachada do inmoble situado nun dos seus lados.

Pero esta dobre condición, entende o goberno municipal, dificulta que se poida abrir unha entrada ao aparcadoiro que se quere construír na zona.

Os promotores da Horta do Cura, un espazo de 1.073 metros cadrados, apostaban por construír este aparcadoiro para residentes, vinculándoo coa recuperación dalgúns inmobles situados no perímetro, que serían reconvertidos en vivendas.

En concreto, recuperaríase o edificio situado na rúa Don Filiberto 5 e aproveitaríase a finca lindeira para construír un aparcadoiro subterráneo para residentes da zona.