Patrimonio insta ao Concello a levantar unha parte da reforma de Barcelos

Pontevedra
21 de outubro 2019

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, informou este luns en rolda de prensa que o Concello de interpoñerá un recurso contencioso-administrativo contra esta sanción administrativa de carácter "leve"

Zona peatonalizada da Praza de Barcelos
Zona peatonalizada da Praza de Barcelos / PontevedraViva

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia impuxo unha multa de 2.500 euros ao Concello de Pontevedra e ínstalle a "devolver ao seu estado orixinal" o asfaltado do tramo da praza de Barcelos que linda co muro do convento de Santa Clara.

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, informou este luns en rolda de prensa que o Concello de interpoñerá un recurso contencioso-administrativo contra esta sanción administrativa de carácter "leve".

Anabel Gulías lembrou que a reforma desta zona xurdiu da proposta da comunidade escolar do Colexio de Barcelos para converter en patio do recreo a zona da calzada que antes estaba cuberta por asfalto e lastro.

A reforma incluíu a instalación de canchas deportivas, algo que Patrimonio non considera "axeitado".

A portavoz admitiu que o Concello nunca consultou a obra con Patrimonio porque "porque non o vimos necesario" ao non darlle valor "nin histórico nin patrimonial" a este tramo de estrada, nin tiña "valor arqueolóxico" e non afectaba ao muro.