Patrimonio informa favorablemente o proxecto básico para reformar os edificios históricos do Museo

Pontevedra
01 de abril 2022

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, sinalou que a administración provincial tivo que esperar 4 meses por este visto e prace e que "por mor desta demora non se poderá licitar no primeiro semestre do ano"

Os edificios García Florez e Castro Monteagudo
Os edificios García Florez e Castro Monteagudo / PontevedraViva

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, informou este venres que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou favorablemente ao proxecto básico dos edificios históricos do Museo de Pontevedra, o García Flórez e o Castro Monteagudo.

César Mosquera sinalou que a Deputación tivo que esperar 4 meses por este visto e prace e que "por mor desta demora non se poderá licitar non primeiro semestre do ano".

Os técnicos xa traballan no proxecto de execución, "que está moi avanzado".

A Deputación deseña un proxecto de rehabilitación por fases dos antigos edificios do Museo. Empezando coa recuperación urxente do García Flórez e do Castro Monteagudo e deixando proxectada para unha segunda fase a posibilidade de unión mediante un gran soto co Fernández López.

Unha parte dos inmobles destinarase a zona didáctica e a outra a espazo expositivo.

Con anterioridade a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa considerara que estas intervencións propostas non poñerán en perigo os valores que derivaron na protección destes inmobles e apuntaba que ofrecerán unha resposta ás novas necesidades operativas do Museo.

A Xunta de Galicia tamén informara favorablemente á petición realizada polo Concello de Pontevedra para acometer a modificación puntual do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística do Conxunto Histórico-Artístico de Pontevedra (Peprica). 

A pesares da demora o nacionalista fixo unha lectura positiva da situación, xa que aínda que asumiu que non se cumprirán os prazos previstos de adxudicar as obras no primeiro semestre, polo menos hai confirmación de que a parte conceptual da obra está ben na liña axeitada. "Nunha actuación deste estilo non me preocupan un mes ou dous se vai todo ben", asegurou.

En canto ás características do proxecto definitivo, Mosquera explicou que a parte externa dos edificios quedará tal e como está na actualidade tanto por esixencia de Patrimonio como polo plantexamento propio da Deputación e do Museo. 

"Considerámolo razonable", dixo, para engadir que a única modificación será a retirada dunha bufarda dos anos sesenta do edificio García Flórez. 

En canto ao interior dos inmobles "limparanse" os engadidos construtivos coa intención de volver o máximo posible á súa versión orixinal, xa que ao longo dos anos levantáronse tabiques e outras divisións que nestes momentos non resultan prácticas. "Simplificarase todo moito", apuntou.

Nesta primeira fase das obras tamén se ampliará e mellorará a conexión existente entre os dous edificios centrais máis antigos (García Flórez e Castro Monteagudo) para que unha vez se entra no conxunto a circulación entre un e outro poida facerse sen ter que saír a rúa. Deixarase para unha segunda fase a conexión soterrada co edificio Fernández López.

Outra das actuacións recollidas no proxecto será a mellora do acondicionamento e climatización, incluíndo as determinacións básicas sobre temperatura e humidade necesarias para a conservación de obras de arte, e tamén da accesibilidade. Instalaranse dous ascensores nos sitios nos que naturalmente teñen mellor cabida, un deles na torre traseira do Castro de Monteagudo que data dos anos 60 e que nestes momentos está en malas condicións.

O obxectivo é que o novo proxecto para solicitar licencia e novos informes sectoriais poida estar rematado nun prazo de dous meses.