Técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia comezaron a facer as probas correspondentes para determinar o valor e o estado de conservación no que se atopan as pinturas descubertas polo párroco, Fermín Santiago Iglesias, na ábsida románica da igrexa de San Miguel de Campo Lameiro.
Estas pinturas foron descubertas de maneira casual polo cura tras desprenderse unha táboa do altar maior e visibilizarse polo oco os frescos.
A cabeceira románica da igrexa de San Miguel de Campo Lameiro data do ano 1202 e o retablo é de principios do século XIX, obra de Manuel de Vallo, autor das esculturas de acibechería da Catedral de Santiago de Compostela.
Segundo manifestou o párroco, "resulta moi estraño localizar nas igrexas románicas da provincia de Pontevedra pinturas nas súas ábsidas polo que estamos moi esperanzados cos traballos que se van a acometer polo que poden achegar sobre a súa antigüidade e sobre o valor artístico e histórico que poden achegar".
Pola súa banda, o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, agradeceu a rapidez coa que a administración autonómica púxose ao dispor deste achado e enviar un equipo de técnicos.
"Desde o Concello de Campo Lameiro estamos moi sensibilizados coa conservación do noso patrimonio tanto o arqueolóxico como tamén o arquitectónico e etnográfico polo que nos preocupamos desde o primeiro momento para que estas pinturas reciban o coidado e o tratamento idóneo para a súa idónea conservación", dixo o alcalde que está desexoso de que "os estudos sobre estes frescos permitan achegar un novo atractivo para fomentar a visita a Campo Lameiro, sobre todo durante este ano no que somos Capital do Turismo Rural 2023 para toda España", sinalou Carlos Costa.