O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asistiu este martes á Comisión Territorial de Patrimonio Cultural na que se autorizou a continuación das actuacións de reurbanización integral da rúa. Nela, os técnicos municipais entregaron un proxecto modificado que exclúe todo o adro da igrexa conventual de Santa Clara e a fronte do edificio das Obras Misionais, que foi aceptado.
Louro insistiu na necesidade de dar vía libre ás obras, pois existe un problema de salubridade nesta zona, que conta con redes de saneamento, pluviais e abastecemento de auga completamente obsoletas que precisan ser renovadas. Ademais, engadiu, as beirarrúas e a calzada atópanse en moi mal estado, polo que urxía a continuidade dos traballos.
Louro insistiu diante da comisión que a Concellería de Urbanismo non renuncia a acondicionar o frontal do convento, dado que entende que presenta deficiencias.
Segundo trasladou o concelleiro de Urbanismo, Patrimonio mesmo recoñece que os actuais parterres elevados, que non teñen carácter histórico, filtran humidade ao interior da igrexa.
"Imos traballar nunha modificación do proxecto orixinal para este ámbito coa intención de convencer a Patrimonio", dixo Louro. "Se o logramos, farémolo, porque consideramos que é bo para a cidade e para o patrimonio pontevedrés. Eu sempre son partidario da máxima colaboración institucional e por iso fixemos unha proposta coa mellor intención, pero está claro que a posta en valor da contorna do convento non é un ámbito da nosa competencia".
As obras de Santa Clara xa cubriron o primeiro sector da rúa, de acordo co Plan de Obra negociado coa empresa e os veciños. Agora afrontarán o segundo, que chega ata a entrada do aparcamento de uso público. O último sector, ata o encontro coa rúa de Padre Amoedo, sería despois da Semana Santa.
Antón Louro confía en que estas dúas semanas de parón da obra, a causa do primeiro informe negativo de Patrimonio non repercutan nos prazos da obra, que debería concluír a finais de xuño. Non obstante, vai depender moito do tempo. As previsións meteorolóxicas para os próximos días seguen a ser malas e, tal e como está o terreo, a empresa "ten moi complicado abrir gavias e traballar con eficacia e seguridade", engadiu.