Dous tramos de lousado de pedra apareceron durante as escavacións que se están realizando con motivo das obras de reforma da rúa Santa Clara. Segundo expoñía Israel Picón, o arqueólogo que supervisa os traballos, e o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, os primeiros indicios situarían estes restos en relación coa "vía dos arrieiros" correspondente ao antigo Camiño Vello de Castela, polo que se trasladaba o viño branco e tinto do Ribeiro.
Louro iniciou xa os contactos cos técnicos de Patrimonio e estúdase a posibilidade de remover todo o pavimento pendente para determinar o alcance dos restos arqueolóxicos no ámbito das obras que se acometen. O informe arqueolóxico de valoración será enviado a Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que deberá tomar a decisión sobre as medidas preventivas que se acometan antes de continuar coa obra da urbanización.
O concelleiro de Urbanismo afirmou que as obras "se ven facendo con cautelas porque se presumía que puidera aparecer algún resto de interese arqueolóxico" e que estes achados non van condicionar o proxecto nin paralizarán os traballos. O director arqueólogo do proxecto engadiu que "é posible que se poidan atopar máis restos porque é a zona máis sensible" ao encontrarse próximo ao casco histórico, á antiga muralla e á desaparecida fonte de Santa Clara. Un dos tramos de lousados aparecido encontrouse mentres se traballaba nunha das instalacións de pluviais e agora terá que estudarse se estes achados arqueolóxicos se corresponden co Camiño Vello de Castela.
Tamén se encontrou unha peza de cerámica da época medieval e tradición Talavera, azul con orlas en bandas douradas. Trátase dun tipo de peza característica entre os restos que se encontran na zona de Pontevedra debido á súa actividade portuaria.
A reforma da rúa de Santa Clara, conta cun presuposto de 676.199 euros, comezou a finais do pasado ano e está previsto que poida estar finalizada entorno ao mes de setembro.