Patrimonio avala que as clarisas leven a Santiago o retablo de Santa Clara

Pontevedra
13 de decembro 2024

"A autorización para este traslado é firme e está ben dada", explicou César Mosquera, que desvelou que esta resolución do organismo dependente da Consellería de Cultura "é clara"

Presentación dos actos polo primeiro aniversario da compra de Santa Clara
Presentación dos actos polo primeiro aniversario da compra de Santa Clara / Mónica Patxot

As clarisas poderán levar a Santiago o retablo de Santa Clara. Patrimonio da Xunta autorizou á orde relixiosa este traslado e rexeitou o recurso presentado pola Deputación de Pontevedra, que esixía que este conxunto artístico permanecese no convento.

"A autorización para este traslado é firme e está ben dada", explicou o edil César Mosquera, que desvelou que esta resolución do organismo dependente da Consellería de Cultura "é meridianamente clara" aínda que se lle poida dar "as voltas que un queira".

Mosquera lembrou que o retablo da Virxe dos Desamparados é propiedade das monxas, como quedou fixado no documento de compra do convento.

Era un asunto "zanxado", sinalou, ata que o actual goberno provincial, a través do seu vicepresidente, Rafa Domínguez, quixo "liar ata a extenuación" este asunto.

O concelleiro pontevedrés subliñou que o criterio polo que Patrimonio adopta esta decisión é que o retablo "é un obxecto de culto" e as súas propietarias, a orde das clarisas, "queren seguir rendéndolle culto e conservándoo noutro lugar".

"Pode gustar ou non gustar o criterio, pero sempre se aplicou o mesmo", sinalou César Mosquera, que lamentou que Domínguez acusase o goberno municipal de expoliar o convento, algo que "agora terá que dicirllo tamén ao conselleiro".

O edil do BNG apuntou ademais que se a Deputación quería comprar ese retablo "puido facelo" porque o seu prezo estaba taxado no convenio, uns 74.000 euros. "Puideron pagalo e as monxas igual lles dicían que si", sostivo.

Durante a súa comparecencia, Mosquera advertiu que a institución provincial aínda non entregou toda a documentación necesaria para contratar a rehabilitación do convento, na que será obrigatorio facer unha nova sondaxe arqueolóxica.

Aínda que asegura que a administración municipal axilizará "o máximo posible" a tramitación desta documentación, "a este ritmo non se vai poñer nin a primeira pedra antes de rematar o mandato", algo que segundo o concelleiro ocorrería "non por culpa do Concello".

Con eses prazos na man, ve complicado que a reforma do convento poida estar terminada para o centenario do Museo de Pontevedra, que se conmemorará en 2027.

Sobre esta última cuestión, desde a Deputación aclaran que xa presentaron o proxecto de catas arqueolóxicas necesarias para avanzar na redacción do proxecto de obra vinculado a Santa Clara.

Este proxecto xa conta coa autorización de Patrimonio e, segundo o organismo provincial, actualmente está en mans do arqueólogo municipal para proceder á concesión de licenza.

En canto ao resto da documentación requirida, "todo foi presentado", aseguran, excepto o informe de sondaxes arqueolóxicas, que está pendente de resolución por parte de Patrimonio.

"ES UN DÍA TRISTE PARA PONTEVEDRA"

Rafa Domínguez asegura que a confirmación do traslado do retablo certifica "un día triste" para Pontevedra, do que considera que os "únicos responsables" son Lores e Mosquera, autores do que definiu como o "mayor expolio cultural y artístico" que sufriu Pontevedra.

O retablo, segundo Domínguez, incluía "decenas de obras de arte" que perde a cidade, aínda que recoñeceu que "no vamos a abrir una guerra judicial" coas monxas porque "realmente son las dueñas" dese conxunto artístico.