Paseos coa familia, actividades deportivas e, sobre todo, moito descanso na xornada de reflexión

Pontevedra
11 de xullo 2020

Como é habitual cando chega a xornada de reflexión previa a unhas eleccións, os políticos que durante quince días percorreron toda a provincia para atraer o voto dos cidadáns, teñen un pequeno respiro para coller forzar para o día da votación. E esta vez non foi unha excepción

Paloma Castro e as súas fillas, na xornada de reflexión do 12X
Paloma Castro e as súas fillas, na xornada de reflexión do 12X / PSdeG-PSOE de Pontevedra

Como é habitual cando chega a xornada de reflexión previa a unhas eleccións, os políticos que durante quince días percorreron toda a provincia para atraer o voto dos cidadáns, teñen un pequeno respiro para coller forzar para o día da votación. E esta vez non foi unha excepción.

Así, Alberto Núñez Feijóo, candidato do PP por Pontevedra e que opta á reelección como presidente da Xunta, aproveitou o día para pasear coa súa nai, Sira, polas rúas de Vigo.

Pola cidade de Pontevedra paseou, mentres tanto, o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda. No seu caso, preferiu facelo só na súa moto particular. Xa pola tarde, dedicouse a descansar a pasar tempo coa súa muller e coas súas dúas fillas.

Coas fillas puidemos ver tamén nesta xornada de reflexión a Paloma Castro, número 3 do PSdeG-PSOE por Pontevedra. Con elas acudiu a facer surf á praia da Lanzada.

Os seus compañeiros Rafael Cotelo e Manuel Loureiro optaron por coidar a súa plantación de albariño no Salnés e conducir o seu quad, respectivamente.

Pola súa banda, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luis Bará, pasou todo o día coa súa familia e amigos en Vilaboa, cos que gozou dunha tranquila xornada.

Tras pasear pola Canteira de Paredes, un lugar especial para el xa que, formando parte do movemento social, participou na súa recuperación como espazo de lecer hai 30 anos, xantou con amigos no lugar do Souto e xa pola tarde, deu un novo paseo polas Salinas do Ulló.

No caso de Galicia en Común, a candidata por Pontevedra, Eva Solla, compartiu un  vermú  con militantes do partido en Vigo, mentres que os pontevedreses Iria Figueroa e Marcos Cal pasaron o día na compañía de amigos e atendendo a súa horta na súa casa natal da Lama, respectivamente.

Nesta xornada de reflexión, a candidata por Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, almorzou na Coruña con Pancho Casal, candidato á Xunta desta coalición, e con Mila Corral, cabeza de lista por Ourense.

Despois regresou a Pontevedra e acudiu a xantar á súa casa familiar de Raxó, onde quedou para descansar o resto da tarde acompañada pola súa nai Laura e polas súas fillas e netos.

Beatriz Pino, candidata de Ciudadanos por Pontevedra, elixiu pasar esta xornada na súa cidade, en Vigo, e pola mañá paseou en compañía do seu can.