Ás nove da mañá deste luns iniciouse unha clase práctica polos xardíns de Pontevedra. Os alumnos de dirección do segundo curso do Ciclo Superior de Guía Información e Asistencia Turística do CIFP Carlos Oroza fixeron un achegamento á flora ornamental do entorno da Alameda. Foi un paseo da man do recentemente galardoado co Premio Cidade de Pontevedra Jaime Blanco, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois e coautor do libro Pontevedra, As árbores da cidade.
O percorrido comezou nos xardíns do Doutor Marescot, ao carón da Subdelegación do Goberno, e seguiu polos xardíns de Vicenti e o parque das Palmeiras, analizando tódolos atractivos e valores que agocha este moi especial recuncho da cidade.
Jaime Blanco colaborou na formación destes estudantes, ampliando o coñecemento e amosando as características das variadas árbores que son fermosos e valiosos recursos vivos da Boa Vila, e que moitas veces pasan desapercibidos para os visitantes e turistas que se achegan a Pontevedra, mesmo para os cidadáns da cidade.
As profesoras responsables da actividade, Tina Otero e María Morales explicaron que esta actividade tamén pretende que os alumnos saiban cómo acompañar a persoas invidentes por algúns espazos públicos axudando a interpretalos.
Foi unha visita moi sensorial, "xa que a interactuación ten que ser total, a información non só lles ten que entrar polo oido, tamén o olfato, o tacto, e degustar, que para iso temos cociñeiros no noso centro", dixo Tina Otero.
O primeiro ano foron as prazas do centro histórico, logo seguiu a igrexa de San Francisco e agora esta actividade. Para o mes de marzo está prevista unha saída con asociados da ONCE para poñer en práctica todo o aprendido despois do traballo de campo e na aula.