Pascuala Campos de Michelena, arquitecta vencellada a Pontevedra, distinguida co Premio COAG

Pontevedra
24 de febreiro 2023

A xunta de goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia concédelle esta distinción á arquitecta que recibirá o galardón o 18 de marzo na Fábrica de Cerámica de Sargadelos, no concello lucense de Cervo

Escola Formacion Pesqueira na Illa de Arousa, obra na que participou a arquitecta Pascuala Campos
Escola Formacion Pesqueira na Illa de Arousa, obra na que participou a arquitecta Pascuala Campos / Leopoldo Alonso e Julio Gil / COAG

Pascuala Campos de Michelena, arquitecta nada en Jaén, mantén unha vida profesional unida á cidade de Pontevedra. En 1965 aparecía unha nova onda de arquitectura en Galicia con nomes como Manuel Gallego, Javier Suances ou o equipo formado por César Portela e Pascuala Campos.

A mediados dos anos 80, Pascuala Campos convertíase en profesora do departamento de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e en 1995 obtivo a súa cátedra cun traballo titulado "Espazo e Xénero", converténdose na primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das Escolas de Arquitectura Españolas

Agora, a xunta de goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia concédelle o Premio COAG a toda a súa traxectoria profesional. O galardón será entregado o 18 de marzo na Fábrica de Cerámica de Sargadelos, no concello lucense de Cervo.

Entre as súas obras da época dos 60 e os 70 destacan a casa do párroco de Marín (1968), que segundo o COAG é un exercicio de modernidade; a casa Pais de Sanxenxo (1968), un proxecto que transita entre o mundo agrícola e o mar; os colexios públicos de Salcedo e Campañó (1971), onde propuxo amplitude cunhas orixinais portas-escamas; o bloque do polígono de Campolongo (1973), cunha fórmula que segue sendo válidad como vivenda colectiva do futuro; conxunto de vivendas para a comunidade xitana en Campañó (1971-73).

Nos oitenta, realizou actuacións en Combarro (1984) con pequenas propostas e un plan de intervención posterior sobre o núcleo urbano desta zona turística (1986-87); a cooperativa San Martiño en Pontevedra, en colaboración con Ana Fernández Pontes (1990-98); a casa de Fina (1995), situada no centro histórico de Pontevedra; a Escola de Formación Pesqueira (1990), na Illa de Arousa, en colaboración con Amparo Casares, Federico Garrido, Jaime Rodríguez Abilleira e Teresa Táboas.

No ano 1996 traballou na recuperación do curro de Sabucedo, en colaboración con Inmaculada Garcés Navarro, recuperando a antiga dimensión deste espazo que se utiliza para Rapa das Bestas.