As Festas de Verán de Pontevedra xa están aquí. Tras o aperitivo que supuxo o tradicional San Benitiño, esta fin de semana concéntranse as primeiras actividades dunha programación festiva que se prolongará ata finais de agosto.
Así o anuncian os pasarrúas que desde primeira hora da tarde deste venres 17 de xullo percorren diferentes lugares da cidade, as formacións Airiños do Petouto, Maraghotas, Os Gaiteiros da Rías Baixas e Os Muiñeiros do Sarela.
A principal cita da fin de semana é o XXI Memorial Ricardo Portela, un ciclo consolidado na programación festiva e que, como o resto de actividades, modificou o seu formato para adecuarse ás medidas sanitarias.
O Paseo Antonio Odriozola abriu ás 17.00 horas a XVIII mostra de artesáns de instrumentos tradicionais con participantes como Xaneco Tubío, Oli Xiráldez, José Presedo, Alberto Pires, Queima, O Chilro, Foliqueiras, Afonso Castro, Diego Langarika, Lorena Reinaldo, Luís Martínez e Tunhas.
En canto á parte musical, ás 21.00 horas abría o Memorial o concerto de Fiandola, nunha Praza da Ferraría adaptada ao protocolo Covid, con aforo limitado nun recinto acoutado e con cadeiras para que os espectadores permanezan sentados en todo momento. Cadeiras, escenario, camerinos e zona de control son desinfectadas antes e despois de cada espectáculo, segundo a normativa aprobada para a celebración das festas.
O Memorial Ricardo Portela terá continuidade este sábado con máis mostra de artesanía (11.30 a 14.00 horasy de 17.30 a 21.30 horas), novos pasarrúas, a homenaxe a Felicia Insuela (21.00 horas) polo seu labor de fomento da música tradicional e o concerto a continuación de Meliados.
A entrada ao recinto abrirá unha hora antes de cada espectáculo e será de balde, como afai a ser na programación das Festas de Verán.