Pasarón presenta de xeito oficial á súa gardiá, a señora Lola

Pontevedra
23 de outubro 2020

A inauguración do mural realizado por Yoseba Muruzábal inspirado en dúas fotografías desta histórica figura do Pontevedra CF tivo lugar este venres na contorna do estadio do barrio do Burgo

Inauguración xunto a Pasarón do mural inspirado na Señora Lola
Inauguración xunto a Pasarón do mural inspirado na Señora Lola / Mónica Patxot

A contorna de Pasarón conta desde este venres cunha obra de arte dedicada a un dos símbolos do Pontevedra CF. O artista Yoseba Muruzábal concluíu xa a súa intervención e na tarde deste venres tivo lugar a inauguración do mural da Señora Lola. Nun acto discreto e coa presenza de familiares de Dolores Cerviño, representantes da corporación local, da presidenta do club, Lupe Murillo; e veciños do barrio, levouse a cabo a presentación oficial dous días antes da estrea do equipo granate como local esta tempada.

Esta pintura de grandes dimensións pode contemplarse na medianeira do edificio situado á beira da bancada de Tribuna do estadio de Pasarón. 

Trátase de dúas imaxes que inclúen un retrato da Señora Lola e unha representación dela cos brazos levantados celebrando un gol. Ambas as obras están inspiradas nun retrato cedido pola familia e nunha fotografía do fotógrafo Miguel Vidal. 

"Non se me ocorre mellor homenaxe que inmortalizar á señora Lola, con ese sorriso de satisfacción e esa mirada agarimosa, custodiando o estadio que ela converteu na súa casa e o equipo que un día foi a súa familia", declarou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores durante o seu discurso de inauguración. Sen poder conter a emoción, a sobriña da homenajeada quixo "dar as grazas a todos porque está preciosa e ela estaría ilusionadísima".