A prestixiosa web de arquitectura Archdaily seleccionou o estadio de futbol de Pasarón como unha das cinco construcións deportivas finalistas para o premio Edificio do ano, Building of the year.
O Pasarón Stadium, compite nesta categoría contra o emblemático estadio de Maracaná e outras tres instalacións deportivas: o Archery Hall & Boxing Club, de Tokyo; o Gammel Hellerup Gymnasium, de Dinamarca; e o estadio Wanagkura, de Australia.
O premio concédese por elección popular entre todos os internautas. A votación é aberta ao público e pecha o próximo xoves, 30 de xaneiro.
Archdaily é a web de arquitectura máis recoñecida e visitada a nivel mundial e os premios que concede cada ano teñen unha grande repercusión a nivel internacional.
O proxecto do Novo Estadio de Pasarón foi redactado polo arquitecto Galo Zayas Carvajal, responsable da área de Arquitectura da Consultoría IDOM en Santiago de Compostela.