O Entroido de Poio ten previstas varias citas importantes nesta fin de semana coa Pasarela de Comparsas, o Enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira.
Pendentes do tempo, desde o Concello aseguran a celebración da pasarela este venres, día 21, nunha carpa instalada na Seca.
É a segunda edición desta exhibición na que participarán un total de doce comparsas e grupos de toda a provincia, con máis de 600 integrantes, desfilarán e ensinarán as súas creacións e coreografías na Seca, previo ao fin de festa coa animación musical de Dolce Vita.
A previsión é que comecen ás 22.00 horas, dependendo doutros desfiles de entroido da zona. En caso de choiva e que estes se anulen, a Pasarela de Entroido de Poio celebraríase finalmente ás 21.00 horas.
Entre as comparsas que van participar nesta segunda edición inclúense as locais, As Sonecas, Os Canecos, 100Tolos e Grupo de Entroido de Samieira, así como Os Paparrulos, Retrincos, Alegría de Bora, Miúdos, Politicamente Incorrectos, Cor Café e Os da Caña.
O xurado, que estará composto por profesionais locais de diferentes eidos, valorarán e entregarán mencións especiais á orixinalidade, imaxe, animación, coreografía, interpretación musical e disfrace máis elaborado, entre outros.
Desde o Concello de Poio animan a veciños e visitantes a sumarse a esta Pasarela de Entroido, o "sambódromo" da Seca, cos seus disfraces.
Tras a Pasarela de Comparsas da Seca, o Entroido continúa o sábado 22 co Enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira, na Praza do Mosteiro.
Neste caso, pendentes das condicións climatolóxicas, pero a previsión inicial é que o cortexo fúnebre saia ás 21.00 horas desde a rotonda do cemiterio ata a Praza do Mosteiro, acompañado polas comparsas locais.
A Festa Choqueira, organizada pola Asociación Ronsel, celebrarase a partir das 21.30 horas, con chocolate quente e actuación musical.