Pasan revista ás pasarelas de madeira das sendas fluviais de Pontevedra

Pontevedra
11 de outubro 2024

A maiores destes traballos de mantemento, o goberno municipal está a traballar na elaboración dun proxecto que permitirá repor toda a senda do Lérez até chegar a Bora

O alcalde supervisa os traballos de reparación da senda do Lérez
O alcalde supervisa os traballos de reparación da senda do Lérez / Concello de Pontevedra

O desgaste que sofren as pasarelas de madeira das sendas fluviais da cidade de Pontevedra, froito do paso do tempo e da climatoloxía, está a ser abordado a través dunha serie de traballos de reparación e mantemento que xa están en marcha.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil responsable da área de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, achegouse ata a praia fluvial de Monte Porreiro para comprobar como están a quedar estas pasarelas na senda do Lérez.

Fernández Lores destacou que estas obras de reposición buscan manter "no mellor estado posible" as pasarelas da praia fluvial como as que están no trazado da senda cara a Monte Porreiro, por baixo do coñecido como Ponte das Palabras.

Este plan de choque, do que se beneficia tamén dous das pasarelas da senda do río Gafos pechas polo seu mal estado, conta cun investimento duns 40.000 euros.

Estes traballos de reposición continuarán ao longo das próximas semanas.

Con respecto a esta actuación, o alcalde sinalou que xa estaba xa prevista antes da chegada da borrasca Kirk o pasado mércores.

Os danos ocasionados por ese temporal serán solucionados a través dunha serie de contratos de emerxencia especiais que permitan liquidar todos os danos.

REPARACIÓN DA SENDA DO LÉREZ ATA BORA

O alcalde avanzou ademais que o goberno municipal está a traballar na elaboración dun proxecto que permitirá repor toda a senda do Lérez até chegar a Bora.

Son actuacións "imprescindibles", sostivo Lores, para canalizar as augas que invaden a senda ou para mellorar o pavimento en todo o seu trazado, entre outras.