Novas Xeracións, a organización político-xuvenil ligada ao Partido Popular, organizou este venres na Sala Zennet en Pontevedra un encontro para falar de 'Democracia e liberdade'.
Nesta cita participaron as senadoras Marimar Blanco e Pepa Pardo, o eurodeputado Adrián Vázquez, as presidentas autonómica e provincial de Novas Xeracións, Nicole Grueira e Ana Cristina Pérez; a secretaria xeral do PP provincial, Luisa Piñeiro; o presidente local de Novas Xeracións e concelleiro, Guille Juncal; o presidente local do partido, Rafa Domínguez, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
Na clausura do coloquio, Paula Prado subliñou o compromiso do seu partido "e do Goberno do presidente Alfonso Rueda" á hora de "garantir que os mozos e mozas galegas poidan ter o futuro que elixan libremente, sen renunciar a nada e sen imposicións".
A número dous dos populares galegos criticou "a aqueles partidos de esquerdas que pretenden impoñer a que universidade ir, onde vivir, en que idioma falar ou en que empresas se pode traballar ou non".
Paula Prado destacou que o Partido Popular é a primeira opción para o electorado menor de 30 anos en Galicia. Nas pasadas eleccións autonómicas 4 de cada 10 mozos galegos votaron ao PPdeG.
Paula Prado referiuse ademais a Pontevedra como unha cidade na que se constata "como o independentismo máis radical fai e desfai ao seu antollo grazas á complicidade do PSOE". Unha cidade na que, ademais, "mentres uns defendemos a democracia e reivindicamos a liberdade, outros practican o autoritarismo e promulgan a imposición".
Pola súa banda, o presidente local do PP, Rafa Domínguez, subliñou que "Pontevedra conta cunha mocidade comprometida coa memoria democrática, a loita contra a violencia e a defensa da liberdade de pensamento".
Domínguez destacou a importancia de manter viva a lembranza das vítimas de ETA, especialmente entre a mocidade: "É unha obriga moral recordar a Miguel Ángel Blanco e a todas as vítimas do terrorismo. Só así lograremos que as novas xeracións valoren e defendan a España libre, plural e democrática que non debemos perder", dixo.
Pola súa banda, a senadora Marimar Blanco quixo facer conscientes aos presentes de que a calidade democrática e as liberdades das que gozamos hoxe en España costaron "moito sangue, dor, sufrimento e horror". E de aí a importancia de que a mocidade saiba que "foron moitos os mozos aos que lles arrebataron a vida por aspirar a vivir nun país baseado na liberdade, a convivencia e a calidade democrática".
Lamentou que o Goberno de Sánchez "encargouse de romper por completo a unidade política e social que foi o espírito de Ermua" e de "dar as costas ás vítimas do terrorismo antepoñendo o poder aos principios”. Referíndose así que "Pedro Sánchez é capaz de todo por seguir na Moncloa, aínda que para iso teña que aceptar votos manchados de sangue".
A irmá de Miguel Ángel Blanco reivindicou que, en contraposición, "o Partido Popular sempre antepuxo os principios ao poder elixindo salvagardar a memoria, a dignidade e a xustiza de todas e cada unha das vítimas do terrorismo".