O parque forestal da Fracha será exemplo de actuación dentro do acto de peche da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) que está a celebrar en Albacete a Rede de Iniciativas Urbanas dependente do Goberno do Estado e que se encarga da coordinación en materia de desenvolvemento urbano e fondos comunitarios.
Esta xornada será o final da 'Estratexia DUSI Máis modelo, Pontevedra' que se vén desenvolvendo nos últimos oito anos.
A concelleira responsable do Monte, María Xosé Abilleira exporá o proxecto de creación e mantemento deste parque , que foi escollido pola RIU como boa práctica de execución e comunicación de entre todos os proxectos estatais que se presentaron aos fondos FEDER.
O proxecto comezou o seu percorrido coa presentación da proposta a todas as comunidades de montes implicadas en 2017: Tomeza, Marcón e A Canicouva, e foi desenvolvendo a tramitación administrativa ata que finalizou a súa execución na primavera de 2021.
Creouse un espazo natural de 406 hectáreas, retiráronse eucalipto e acacias, plantáronse 15.000 exemplares autóctonas, recuperáronse os bordos dos arroios con especies de ribeira ou consolidouse o terreo con restos de poda para que non se produzan escorrentías.
Ademais, apostouse pola apertura e acondicionamento de 26,6 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, e a posta en valor de catro miradoiros: dous na zona de Outeiro Navío en Marcón, o da Rega Pireira en Tomeza e o do Couto das Forcadas na Canicouva.
O custo de creación do parque da Fracha foi de 453.021,69 euros.
A iniciativa da Boa Vila estará sobre a mesa con actuacións dos concellos de Albacete e Sant Boi de Llobregat.
Esta sesión tamén servirá para como acto de lanzamento da nova estratexia dos fondos FEDER (2021-2027) denominados Estratexias de Desenvolvemento Local Integrado.