O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda continúa adiante co plan de supervisión, revisión e arranxo dos parques infantís da cidade.
Dende esta semana permanece pechado o parque de Barcelos no que se van a realizar múltiples melloras.
A intervención no parque de Barcelos vai a ser integral, de feito as reparacións teñen un orzamento de 30.234,88 euros. A previsión é que permaneza pechado tres semanas, pero no caso de que o tempo acompañe, este prazo podería reducirse.
A reparación consiste na retirada de zonas de céspede artificial danado; a reparación de grechas en pavimento amortecedor con limpeza de zonas danadas e recubrimento ata cumprimento de normativa e a colocación de novo céspede artificial, coa correspondente aplicación de material de cuarzo en acabado.
Ademais procederase á reparación integral do columpio dobre mixto, do xogo de trepa, do barco, dos bambáns e dos xogos pequenos coa substitución de pezas desgastadas ou deterioradas, reaprete de parafusos, lixado, pintado, e subministro e instalación de tapóns de seguridade.
Tamén será reparado o mobiliario (bancos), tornillería, elementos de protección (tapas e tapóns) e arranxarán os valados substituindo ancoraxes.

PRAZA DE EUROPA
Por outra banda, a Concellaría vén de rematar a reparación do parque infantil da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro, que xa está a disposición da cativada. A súa reparación tivo un custe de 17.683,08 euros.
Actuouse na zona da tirolesa, reparouse o pavimento, substituíronse os elementos de suxeción de todos os xogos e reparouse o bambán-moto, o tobogán dobre (tres torres), o rocódromo, o tobogán e os balacíns.
Tamén se mellorou o valado do parque ademais de outras actuación relativas á seguridade.
Tamén están revisados e reparados os de Ponte Boleira, Fonte Santa, As Regas, Campo da Torre, Illa do Covo, Palmeiras e Pasarón, e tense actuado de urxencia noutros como en Maruxa Mallo, Corvorana, Oito de Marzo ou Tafisa que se atopaban en evidente estado de inseguridade.
A Concellaría que xestiona Xaquín Moreda está a realizar un traballo minucioso, facendo unha diagnose e priorizando as actuacións, dado que non se coñecía o estado real de todas estas áreas infantís.
O estudo previo permite ir priorizando os espazos de actuación, aínda que a Concellaría está atenta para atender as urxencias que poidan xurdir en calquera das áreas infantís.