O humor, a ironía e a imaxinación volveron tomar as rúas de Pontevedra na penúltima noite do Entroido 2024. Da man de Os do Val do Lérez, Vamos a todo, Os das Pistas, Equipo Ja, Parodia PTV e Las flores del Carnaval, a Mostra da Parodia viviu unha noite chea de público e gargalladas.
Durante tres horas, a parodia invadiu a cidade e, xa entrada a madrugada, o xurado designou aos seus gañadores e procedeuse á entrega de premios na Ferrería.
Nesta ocasión, o primeiro premio da 27 edición da Mostra da Parodia foi para 'Parodia PTV', que se instalou na rúa Manuel Quiroga e levou 1.300 euros.
O segundo premio levárono de forma compartida 'Equipo Ja' e 'Os do Val do Lérez' , que fixeron as delicias dos pontevedreses na Praza de Ourense e a terraza do Carabela, respectivamente. levaron cada un 1.000 euros
O terceiro premio tamén foi compartido entre 'Os das Pistas' (á beira da Sidraría Montañés, 'Las flores del Carnaval' (na Praza da Ferraría) e 'Vamos a todo' (Soportais da Praza da Ferraría). O seu premio foi de 700 euros.
Tras esta cita coa parodia, este sábado o Entroido pontevedrés chegará ao seu fin co enterro do loro Ravachol.
A partir das 18.00 horas a praza da Verdura acollerá o velorio e ás 21.00 horas está prevista a saída do cortexo fúnebre acompañado do seu séquito e das comparsas Os Canecos, Os Miúdos, As Sonecas, Os da Caña, Vamos a Todo e Os Alegres.
Tras percorrer San Román, Ferraría, paseo de Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantaría e praza da Ferraría, procederase á incineración do falecido na Ferreria. A contnuación, haberá pasacalles das comparsas As Flores do Entroido, Os Solfamidas, Os Retrincos, Os Paparrulos e Os 100 Tolos.