París de Noia, Miramar e Magos, tres orquestras para a gran noite das Festas das Dores

Ponte Caldelas
27 de xullo 2024

A pouco menos dun mes, Ponte Caldelas desvelou a programación das Festas das Dores deste ano que, como vén sendo habitual, vivirá a súa xornada grande cunha verbena con tres orquestras que se prolongará ata a mañá seguinte

Presentación das Festas das Dores 2024
Presentación das Festas das Dores 2024 / Concello de Ponte Caldelas

A pouco menos dun mes, Ponte Caldelas desvelou a programación das Festas das Dores deste ano que, como vén sendo habitual, vivirá a súa xornada grande cunha verbena con tres orquestras que se prolongará ata a mañá seguinte.

Nesta ocasión será o martes 27 de agosto, a partir das once da noite, coas actuacións de París de Noia, Miramar e a Orquestra Magos, que se irán sucedendo sobre o escenario da Alameda ata as oito da mañá.

Antes, ás 13:00 horas, haberá un concerto da Banda de Música de Redondela e desde as oito e media da tarde celebrarase a tradicional Procesión de San Roque.

As Festas das Dores 2024 comezará catro días antes, o venres 23 de agosto, cunha nova edición do festival Caldelas Xoven, no que estarán, desde as once da noite, DJ Rokiño, DJ Aitor Alfonsín e o Grupo Orixe.

O sábado 24, pola súa banda, ás 13:30 horas actuará a Banda de Música de Mondariz e tras a Procesión das Dores, que sairá ás oito, celebrarase un festival folclórico co Grupo de Baile La Folixa (Asturias), o Grupo de Coros e Danzas La Purísima (Murcia) e o Grupo de Baile de Os Coribantes de Ponte Caldelas.

A xornada concluirá cunha verbena, ás 23:00 horas, co Grupo Assia e Furia Nova.

Xa o domingo 25, a actuación matinal (13:30 horas) será da Banda de Música de Tenorio e despois do concerto de SondeSeu (21:00 horas) haberá unha verbena coa Orquestra Marbella, que comezará ás once da noite.

O luns 26, por último, amenizarán as festas a Banda de Música Cultural de Arcade (13:30 horas), o festival Son de Caldelas (20:30 horas) e, a partir das once da noite, o Grupo Claxxon e o DJ Manu Di Notto.