París de Noia e El Combo Dominicano porán o broche de ouro ao verán en Poio

Poio
05 de setembro 2021

Dúas das orquestras con maior prestixio do país, París de Noia e El Combo Dominicano, serán as encargadas de poñer o broche de ouro á programación festiva e cultural deseñada polo Concello de Poio para este verán. Será os días 24 e 25, respectivamente, na explanada da Seca

Actuación de París de Noia en Marín
Actuación de París de Noia en Marín / París de Noia

Dúas das orquestras con maior prestixio do país, París de Noia e El Combo Dominicano, serán as encargadas de poñer o broche de ouro á programación festiva e cultural deseñada polo Concello de Poio para este verán. Será os días 24 e 25, respectivamente, na explanada da Seca.

Así, Poio mantén a súa aposta de axudar a impulsar a actividade dun dos sectores máis castigados pola crise derivada da covid-19. A entrada será libre ata completar aforo.

Antes, concretamente os días 17 e 18 de setembro, será a quenda da Festa da Ameixa de Campelo que, ante a imposibilidade de recuperar a programación e a oferta gastronómica habitual, ofrecerá os concertos de M-Clan e Doctor Queen como grandes atractivos.

As entradas poñeranse a disposición da cidadanía na web woutick.es e serán de balde. Ademais, tamén haberá actuacións de diferentes grupos locais.

"Afortunadamente, grazas ao proceso de vacinación e á concienciación que existe entre a meirande parte da cidadanía, atopámonos nun contexto no que podemos ofrecer actuacións e propostas de lecer que sexan seguras e, ao mesmo tempo, axuden a dinamizar a actividade social e económica do concello", explica o edil de Festexos, Xosé Luís Martínez.

O Concello celebra, ademais, que  pouco a pouco se poden ir recuperando as festas patronais nas parroquias. Este é o caso, por exemplo, das Festas das Dores de Samieira e da Saleta, en Raxó, que terán lugar ao longo deste mes de setembro.

As primeiras serán os días 11 e 12 e incluirán, entre outras citas, un concerto a cargo da orquestra Marbella en Río de Bois.