O de Poio institucionalizouse xa como o Entroido máis longo da comarca, pero este ano os sucesivos temporais de vento e choiva que obrigaron a aprazar varias veces os desfiles de distintos municipios alongaron as celebracións en practicamente todos os municipios. Este sábado, e a falta tan só da celebración de San Xulián de Marín este domingo 6, o enterro do Galo Fodorico de Poio puxo o punto e aparte aos festexos de 2016.
A vinculación e tradición do Concello de Poio co mundo do viño fixeran que este ano o Galo Fodorico homenaxease aos vinicultores e reivindicase a denominación de orixe Rías Baixas para os cultivos da zona, xa que é un dos poucos municipios da contorna sen o recoñecemento.
Con este ton reivindicativo, foise á fogueira este sábado rodeado dun cortexo fúnebre de viúvos, viúvas e moito veciño que lamentou a súa perda, entre os que non faltaron os que aproveitaron para mostrar a súa crítica polo novo regulamento de usos do cemiterio.
Tras ler o seu testamento, o co propietario do restaurante Pepe Vieira, Xoán Cannas, veciño de Raxó e presidente do instituto galego do viño, prendeulle lume nun acto no que non faltaron a música e a animación das comparsas 'Os Canecos' e 'Os 100tolos', o grupo do Entroido de Samieira e comparsas e grupos convidados doutros lugares da comarca como 'Flores do Entroido', 'Os da Caña', 'Os Paparrulos', 'Ponte a Bailar' e 'Cor Café'.
A festa non quedaba aí e os veciños pronto se repuxeron da perda de Fodorico. A continuación, programouse a V Festa do Choqueiro, tradición moi arraigada ao municipio e que reivindica o entroido tradicional do concello como se facía antigamente, onde os nenos saían á rúa disfrazados con roupas que se atopaban na casa e pedían os 'pataquiños' polas casas do pobo.
Premios para quen se disfrazou de choqueiro e comida típica da época de entroido (orellas, chourizo..) por un prezo popular de 3 euros a ración completaron a xornada festiva en Poio, nunha festa amenizada pola actuación musical do Trio Azabache.