"Hoxe é un día de festa" na Illa de Arousa. Así se contundente se mostrou o alcalde, Luis Arosa, tras confirmarse que o Concello adquirirá, a través do Plan Nacional sobre Drogas, dúas parcelas que foron propiedade de Marcial Dorado.
Os terreos, situados na Avenida da Ponte e no Monte do Outeiro, teñen unha superficie duns 3.000 metros cadrados cada un e están valorados conxuntamente en 361.000 euros.
Estas dúas parcelas, segundo avanzou Arosa, serán dedicadas á construción dun bloque dunhas setenta vivendas sociais e dun parque público.
Sumaranse á xa adquirida na zona do Testo, onde está previsto facer o pavillón de deportes.
O alcalde, con respecto da parcela da Avenida da Ponte onde se construirán as vivendas, explicou que "non podía caer na especulación urbanística", dado que é un solar "moi atractivo" ao ter unha edificabilidade de baixo, dous andares e baixo cuberta, a máxima permitida na Illa.
Destacou que estas setenta vivendas sociais serán unha gran axuda para fixar poboación nun municipio que, polas súas características, "ten moi pouco solo edificable".
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que visitou os terreos acompañando ao alcalde, asegurou que a recuperación para o pobo da Illa de Arousa destas dúas parcelas "non só é un acto de xustiza social, senón, sobre todo, un acto de xustiza poética".
"Non se me ocorre mellor fin para dúas propiedades confiscadas polo Estado a Marcial Dorado", afirmou Losada, que garantiu a colaboración do Goberno de España co Concello da Illa de Arousa para materializar todas estas actuacións.
A este respecto, celebrou o acordo co Plan Nacional sobre Drogas para que estas dúas propiedades pasen á titularidade municipal en lugar de ser poxadas ao mellor postor.
Ademais, o subdelegado reiterou que "toda Galicia e toda España debe saber" que as vivendas públicas que se van construír "saíron do patrimonio ilegal do señor Marcial Dorado", ao que segundo engadiu "todos coñeciamos ben en Galicia".
"No seu día, tiña algún compañeiro de viaxes que logo chegou a presidente da Xunta e que o que fixo durante 14 anos foi unha auténtica folga de brazos caídos en todo o que ten que ver coas políticas de vivenda pública", censurou o representante gobernamental.