Este sábado 3 de decembro celebrouse o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha iniciativa na que participaron máis de 100 asociacións de discapacidade de toda Galicia, entre elas Xoga, Aspace, Down Xuntos, Asearpo, Asseii ou Adicam.
No caso de Pontevedra, a Praza da Ferrería acolleu o acto reivindicaivo 'Baixo o mesmo paraugas', que chega este ano a súa sétima edición e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial
Nesta xornada trataron de visibilizar a riqueza dunha sociedade diversa e plural, así como demandar un sistema laboral que os teña presentes, unha accesibilidade universal, unha atención sanitaria competente, un incremento de inversión en investigación e rehabilitación, e axudas e apoios a persoas con discapacidade, familias e entidades.
A lectura do manifesto e a actuación musical correu a cargo de Nelson Quinteiro, con música e lingua de signos, acompañado polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García.
Os participantes levaron un paraugas de cores nun día que irá acompañado co acendido de cor verde de diferentes edificios municipais como son a Casa Consistorial de Pontevedra, a Casa Rosada de Poio e o Consistorio de Cangas.