Paralizan unha descarga de polbo en Vilagarcía para denunciar que entra produto chinés "pola porta de atrás e a prezos de risa"

Marín
07 de xullo 2013

Querían deixar claro, segundo o secretario de CIG-Mar, Xabier Aboi, que a administración " non pode condenar ao sector galego ao desguace e ao amarre mentres segue entrando pulpo chino e mauritano por intermediarios a un prezo que afunde o mercado"

Preto dun cento de mariñeiros da flota cefalopodeira, afectados pola falta de acordo pesqueiro con Mauritania, paralizaron este domingo unha descarga de polbo no porto de Vilagarcía de Arousa. Querían deixar claro, segundo o secretario de CIG-Mar, Xabier Aboi, que a administración " non pode condenar ao sector galego ao desguace e ao amarre mentres segue entrando pulpo chino e mauritano por intermediarios a un prezo que afunde o mercado".

A protesta comezou un pouco antes das nove da mañá cando mariñeiros chegados de Marín, Bueu ou zonas da Ría de Arousa, boicotearon a descarga dun barco de bandeira holandesa. Tras comprobar que o polbo non proviña de Mauritania, onde agora traballan barcos chineses en caladoiros nos que antes faenaban uns 200 mariñeiros galegos, deron por finalizada a protesta. Foi contra as 11.30 horas.

Segundo explicou a CIG, que denuncia que fronte á complicada situación do sector e a perda de postos de traballo mentres entra en Galicia pulpo chinés "pola porta de atrás e a prezos de risa", co barco "non tivemos ningún problema". Tras negociar coa empresa Boluda, "quedou demostrado que os produtos que viñan non tiñan nada que ver con Mauritania", polo que desistiron da paralización da descarga.

Xabier Aboi quixo deixar claro que esta protesta en Vilagarcía "non ten nada que ver" co acordo entre Consellería do Mar e a flota de baixura sobre o plan do polbo no litoral galego. Pero recriminou a postura da Consellería e da Xunta, "que son moi prepotentes contra os traballadores e mandan á Policía, como foi o outro día, cunhas cargas brutais e despois van a Bruxelas e agachan o espinazo e a costas".

Neste sentido, cuestionou ao Goberno galego "por que non fai por defender á flota galega, cando os mariñeiros da baixura están malvivindo e teñen que andar así, con problemas terribles". Aboi insistiu en que o papel da Xunta e o Goberno central é "lamentable", pola falta de defensa aos mariñeiros das diversas flotas galegas.

Ás protestas dos mariñeiros de Mauritania en Vilagarcía acudiron axentes da Policía e a Garda Civil, aínda que salvo "algún momento de nerviosismo dalgún coordinatario", explicou Aboi, a reivindicación transcorreu sen maiores incidentes.

Arquivado en