Paralizada a limpeza en edificios e locais de Pontevedra pola folga

Pontevedra
11 de xaneiro 2024

Cun seguimento en torno ao 65 por cento, este mércores 10 de xaneiro estivo marcado pola folga do persoal da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, que reclama un convenio colectivo que recoñeza as subas salariais conforme ao IPC e unha redución da xornada semanal

Folga do persoal da limpeza de edificios e locais en Pontevedra
Folga do persoal da limpeza de edificios e locais en Pontevedra / Mónica Patxot

Un seguimento en torno ao 65 por cento. Esta é a porcentaxe na que fontes sindicais sitúan a participación do persoal da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, integrado por 12.000 profesionais, na maioría mulleres, chamado á folga este mércores 10 de xaneiro.

Este paro de 24 horas fíxose de xeito simultáneo en Pontevedra e Ourense, con mobilizacións tamén na Coruña, aínda que sen chegar á folga. No caso da provincia de Lugo, a folga vén de lonxe, pois neste momento xa superou os 80 días. 

Na cidade do Lérez, os sindicatos CCOO, UGT e CIG convocaron dúas manifestacións, pola mañá e pola tarde, que tiveron o seu inicio e final na praza da Peregrina, onde se deu lectura a un manifesto, consensuado entre as tres centrais sindicais, unidas para defender un sector especialmente castigado e que foi cualificado como servizo esencial durante a pandemia

Previamente, durante toda a xornada, piquetes informativos desprazáronse ata diferentes lugares de traballo, como as facultades da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra, Centro de Saúde Virxe Peregrina, dependencias do Concello de Pontevedra e da Deputación, así como a Residencia Militar. "Vamos a visitar os centros, e persoas do comité de folga entramos e falamos coas compañeiras para explicarlles a situación e pedirlles que se unan", declaraba Diana Rodríguez, de CIG, quen exercía de portavoz en nome tamén dos outros sindicatos convocantes.  

Conforme transcorría o día, puideron comprobar que a Xunta de Galicia ampliaba os servizos mínimos a instalacións que, segundo os sindicatos, non eran necesarias. "Os servizos mínimos por parte do Sergas foron decretados nos ambulatorios e no Centro de Especialidades de Mollavao, pero despois a Vicepresidencia Primeira da Xunta se pasou un pouquiño porque incluso nos mete servizos mínimos na oficina de Turismo", indicaba Rodríguez.

REIVINDICACIÓNS

A orixe desta folga arrinca na situación na que se atopa o Convenio colectivo da limpeza de edificios e locais, paralizado dende o 31 de decembro de 2022, data na que rematou a vixencia do convenio.

As reivindicacións dos tres sindicatos para poder asinar un novo convenio pasan por dúas cuestións: o incremento salarial e a redución de xornada.

En canto á suba salarial, incide Diana Rodríguez en que "a patronal só nos oferta un 2,6 por cento, que non nos asegura o IPC, e polo tanto seguir perdendo poder adquisitivo". En concreto, CCOO alertaba que o IPC rematou o 2022 no 5,7 % e o 2023 no 3,1 %, polo que o incremento salarial proposto pola patronal situaríase por debaixo do IPC real. Amais, o sindicato CIG lembra que incluso o convenio de Lugo e o de Ourense contemplan soldos inferiores ao salario mínimo interprofesional.

A redución de xornada semanal é para os sindicatos un tema clave, xa que "o 80 por cento dos contratos neste sector son de xornada parcial e sobre todo é un sector que está moi feminizado, polo tanto entendemos que a redución de xornada é importantísima para que as compañeiras poidan ter unha xornada un pouco máis alta e garantir o poder adquisitivo", sinala Rodríguez.

Insiste a portavoz que, dada a importancia destas demandas, os tres sindicatos uníronse nestas dúas reclamacións para poder desatascar este convenio. "Pero nos atopamos cunha patronal, sobre todo a estatal ASPEL, que non ten absolutamente ningún tipo de vontade de negociar e iso nos leva a convocar esta folga", así como as accións no resto das provincias galegas. 

Así mesmo, fan un chamamento público ás administracións, que son as grandes contratistas deste servizo, para que presionen as empresas ata que se chegue a un acordo polo convenio, "porque privatizar o servizo de limpeza non pode servir de escusa para mirar para outro lado", matizan os sindicatos.

De momento non hai previstas máis mobilizacións na provincia de Pontevedra. Tras esta xornada de folga "miraremos como reacciona a patronal, e despois tomaremos as seguintes decisións en asambleas de traballadores, como facemos sempre", remataba Diana Rodríguez.