A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo alerta de que a recente paralización do proxecto eólico de Arena Power pola Consellería de Medio Ambiente non implica necesariamente o seu abandono definitivo, senón que podería reforzar a súa viabilidade tras as modificacións requiridas.
A Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo abrangue máis de 4.300 hectáreas entre os concellos de Moaña, Cangas, Bueu, Marín, Vilaboa e Pontevedra.
Este territorio, adxudicado hai case tres décadas a Endesa, mantén unións empresariais co actual promotor Arena Power a través de Enel Green, sinalan desde este movemento.
O proxecto actual contempla a instalación de 15 aeroxeradores entre Moaña, Marín e Vilaboa.
A Plataforma argumenta que, malia a necesidade de reubicación dalgunhas turbinas por proximidade a núcleos de poboación, a extensión da ADE permite múltiples alternativas de emprazamento.
Os integrantes tamén destacan que a zona afectada acolle notables masas de arborado autóctono, carballeiras senlleiras e nacentes de ríos fundamentais da península.
Ademais, alertan do perigo que suporá para hábitats naturais prioritarios e especies endémicas e ameazadas.
O colectivo denuncia que, malia a clasificación como solo rústico de especial protección, a zona carece dunha protección ambiental real ao non estar integrada na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos nin na Rede Natura.
"A única solución definitiva sería a retirada da ADE do Morrazo do Plan Sectorial Eólico de Galiza", afirman desde a Plataforma, que mantén o seu compromiso de seguir traballando pola protección efectiva destes montes.