Paradela prepárase para a escenificación dos últimos días de Xesucristo

O Salnés
04 de abril 2023

Durante o domingo representouse a entrada triunfal en Xerusalén e a bendición de Ramos coa novidade da interpretación das Vodas de Caná no Monte da Croa con numeroso público. O Xoves Santo, a partir das 22.00 horas, vai desenvolverse a escenificación da Última Cea de Xesús no adro da Igrexa de Santa María de Paradela, no municipio de Meis

Representación das Vodas de Caná en Paradela
Representación das Vodas de Caná en Paradela

Todo xira ao redor de Paradela durante a Semana Santa en Meis. Alí, como é tradicional, realízase unha das representacións escénicas relixiosas con máis anos de traxectoria, máis esforzos na súa elaboración e máis seguidores de Galicia. 

O domingo de Ramos xa se escenificaban a entrada triunfal en Xerusalén para dar paso á bendición de Ramos. Durante a tarde escenificouse, como novidade, as Vodas de Caná no Monte da Croa con numerosas persoas ocupando as bancadas do auditorio deste espazo.

O Xoves Santo volverán as representacións, a partir das 22.00 horas coa escenificación da Última Cea de Xesús no adro da Igrexa de Santa María de Paradela. A continuación celebrarase a procesión ata a praza do Outeiro coa Oración no Horto das Oliveiras e o Prendimiento. Despois, a actuación continuará no adro da Igrexa co xuízo de Sanedrín. 

Ao longo do Venres Santo ás 11.30 horas van escenificarse as Últimas horas da vida de Xesús tamén no adro da igrexa. A continuación, desenvolverase un Vía Crucis ata o Monte da Croa co acto de Crucifixión. Ás 20.30 horas realizaranse os oficios litúrxicos na igrexa coa posterior entrega de candeas entre as persoas asistentes. Por último, ás 22.00 horas desa xornada, o Monte da Croa volverá ser escenario do Desencravo e Descenso de Jesús, que dará lugar á procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Gaitas Vides Novas de Poio.

Ás 20.30 horas do Sábado de Pascua realizarase a misa de resurrección coa bendición da auga e do lume. Ao terminar as persoas que acudan poderán degustar rosca de Pascua de maneira gratuíta.

Para finalizar a programación, o domingo ás 12.30 horas representarase a Resurrección de Jesús no adro para despois iniciar a misa cantada pola Coral Polifónica Xuntanza de Meis e a procesión de Resurrección coa intervención da Banda de Música Cultural de Meis.