A Semana Santa de Paradela 2025, celebración declarada de Interese Turístico Autonómico, preséntase este ano con importantes novidades organizativas e artísticas para potenciar a súa singularidade.
Por primeira vez, a pequena parroquia do municipio de Meis centralizará os actos litúrxicos principais de varias parroquias da comarca.
Baixo a dirección do sacerdote Edgar Emir, os fregueses de localidades como Ribadumia, Leiro e Cobas deberán acudir a Paradela para participar nas celebracións do Xoves e Venres Santo, mantendo nas súas respectivas parroquias actos como a bendición de ramos.
No apartado artístico, o veterano Fernando Oubiña liderará as escenificacións teatrais, mentres que Daniel Castro repetirá no papel de Xesús de Nazaret. Entre as novidades do elenco interpretativo destacan incorporacións procedentes de Cambados, que asumirán papeis tan relevantes como os de Herodes e María Magdalena.
O programa mantén a súa estrutura tradicional coas representaciones máis emblemáticas: Domingo de Ramos (13 de abril, 13:00 horas), Xoves Santo (17 de abril, 21:30), Venres Santo (Vía Crucis ás 11:00 e Desencravo ás 21:30) e a Resurrección o domingo 20 de abril desde as 12:30.
Tampouco faltará a bendición da auga e o lume o Sábado Santo, seguida dunha degustación gratuíta da rosca e viño.
Un centenar de persoas voluntarias, entre intérpretes principais, extras, estilistas e persoal encargado de vestiario, traballan estes días intensamente para garantir o éxito destas representacións, que sempre se caracterizan polo seu realismo e calidade interpretativa.
O acompañamento musical correrá a cargo das corais de Santa María de Paradela e Xuntanza, xunto á Banda de Música Cultural de Meis, a de Gaitas Vides Novas de Poio e a da Vertula.
A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, destacou o esforzo municipal para elevar esta celebración ao rango de Interese Turístico Nacional, centrando a estratexia nunha maior difusión, mesmo en medios nacionais. "Grazas a todas as persoas que dan o mellor de si para que esta celebración tan arraigada siga crecendo cada ano un pouquiño máis", expresou a rexedora.
Nada da iniciativa da Confraría de Semana Santa e Pascua fundada en 1993, a representación de Paradela destaca polo esmero na posta en escena coa intención de transmitir a fe cristiá recreando a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo.
