A implantación da fibra óptica e con iso a chegada do internet de alta velocidade é un feito xa na primeira parroquia de Cerdedo-Cotobade.
Ese lugar é Parada de Tenorio, onde acaban de concluír os traballos de instalación da infraestrutura.
"Conseguimos un importante fito xa que a fibra óptica xa chegou ao noso concello porque a rede quedou finalizada en Parada de Tenorio, aínda que haberá que esperar un pouco para que os veciños poidan conectarse por cuestións administrativas", confirmou o alcalde, Jorge Cubela.
A primeira fase do programa de implantación da fibra óptica en Cerdedo-Cotobade comezou por Tenorio e Viascón, pero prolongarase durante os próximos 18 meses e chegará a 1.200 casas e negocios de 14 parroquias.
As obras están a levarse a cabo actualmente en Calvelo, onde está previsto que finalicen nos próximos días, e seguirán despois por Laxe e Traslamós.
Dentro deste proxecto, enmarcado nun programa da Xunta, contémplase a construción de dous centros de control e extensión da fibra en Carballedo e Cerdedo.
En canto ao resto do municipio, espérase que a instalación da fibra óptica sexa completa no ano 2022, permitindo unha velocidade da internet de ata 100 megas.