No Concello de Pontevedra non se fían do anuncio de Alberto Núñez Feijóo con respecto á ampliación da EDAR de Praceres. Para o goberno municipal é "fume de carozo", segundo afirmou o concelleiro Raimundo González, unha iniciativa que obedecen á "campaña electoral" que iniciou o Partido Popular nestas últimas semanas coas "supostas" incógnitas sobre o futuro do presidente galego.
"Aínda que teña declarado o ano que vén como ano da ría de Pontevedra, eso aínda está por ver", afirmou o edil do BNG, que reiterou que no Concello con respecto á Xunta de Galicia "só nos fiamos do que publica no Diario Oficial de Galicia", xa que o resto dos anuncios son "foguetes".
González entende que o edificio de Benito Corbal e o saneamento da ría son "cortinas de fume" enmarcadas na campaña electoral, "para que non se fale" doutros compromisos incumpridos da Xunta con Pontevedra.
Entre eles, o concelleiro nacionalista citou os dous millóns do saneamento do Gafos, o soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro, a débeda de medio millón de euros pola ponte das Correntes, a variante de Alba, a reforma da estrada PO-531, a mellora da estación de autobuses ou a ausencia dun proxecto en materia de sanidade.
Neste sentido, tamén o alcalde avanzou que "vai sendo hora que se priorice a ría", pero Fernández Lores coincide co seu compañeiro de goberno en que este anuncio de Núñez Feijóo "son ganas de leria porque veñen eleccións".
Con todo, o alcalde reiterou que a cuestión "fundamental" en materia de saneamento, tamén dependente da Xunta de Galicia ao afectar á ría, é a separación entre pluviais e fecais en Poio, Marín e o que queda de Pontevedra "porque sobre todo cando chove a depuradora é insuficiente", independentemente da mellora que sufran as instalacións.