"Para nós unha semana de diferenza é fundamental", o sector libreiro prefire o inicio do curso graduado por ciclos

Pontevedra
26 de agosto 2024

O próximo 11 de setembro comezarán o curso en Infantil e Primaria en Galicia cun total de 174.988 alumnos. A mesma data na que se incorporará o alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Réxime Especial. Con motivo desa conta atrás o conselleiro de Educación desprazouse a Pontevedra

Jesús Manuel Álvarez Bértolo, Rafa Domínguez e Román Rodríguez charlan coa encargada de Librería Escolma
Jesús Manuel Álvarez Bértolo, Rafa Domínguez e Román Rodríguez charlan coa encargada de Librería Escolma / Cristina Saiz

O próximo 11 de setembro comezarán o curso en Infantil e Primaria en Galicia cun total de 174.988 alumnos. A mesma data na que se incorporará o alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Réxime Especial. Con motivo desa conta atrás o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, desprazouse a Pontevedra para dar conta das axudas que a administración autonómica oferta nesta área.

Axudas que en total supoñen "cen millóns de euros para minimizar o impacto económico do inicio do curso entre as familias galegas", resumía o conselleiro engadindo que "este ano a novidade é a gratuidade da matrícula para os alumnos do sistema universario público galego. "Isto converte a Galicia na Comunidade Autónoma pioneira no feito de que un neno ou unha nena pode escolarizarse e terminar graduándose sen facer fronte a un desembolso económico".

Facendo desagregación de cifras, Rodríguez González precisaba que para a adquisión de material escolar en educación obrigatoria, este curso destínanse 9 millóns de euros "o dobre practicamente que o ano pasado". Para a adquisición de libros ofrécense cheques directos para Infantil e Educación Especial; e o fondo solidario de libros que conta actualmente con 400.000 libros. En todos estes casos priorizar as rendas máis baixas e "chegan aproximadamente a 130.000 alumnos, que supoñen o 70% das familias". Outra das vías de colaboración que sinalaba son os comedores escolares, "neste caso a Xunta leva varios anos sen repercutir o incremento dos custos ás familias", aproximadamente 70.000 alumnos que acceden a este servizo.

Suxestión dun comezo progresivo

anécdota da visita protagonizábana desde a propia librería que o conselleiro; o director xeral, Jesús Manuel Álvarez Bértolo e o portavoz popular, Rafael Domínguez, escolleron para as súas declaracións en Pontevedra. Lourdes Rodríguez, encargada da Librería Escolma trasladoulle a queixa do sector por iniciar o curso ao mesmo tempo para os ciclos de Infantil, Primaria e Secundaria.

"Para nós unha semana de diferenza é fundamental porque nos veñen pequenos e grandes á vez e é un caos, así que se podedes volver cambialo agradecémosvolo porque da outra maneira vendiamos máis e a xente estaba mellor atendida" suxeríalle. "Quedo con ese dato, tomo nota da suxestión" respostou o conselleiro.

Profesorado

En canto ao profesorado, o conselleiro de Educación refería á mesma conclusión que para o número aulas: "este curso imos ter máis profesores que o pasado, con catro mil alumnos menos". A Consellería está "en pleno proceso de asignación de recursos. Isto non é algo arbitrario, todo faise en base a criterios técnicos e os servizos de inspección. Estamos nun nivel de persoal semellante ao do ano pasado e que en setembro se incrementará para dar respostas ás necesidades que hai en Galicia".

Escolas unitarias en Vilagarcía

Para este próximo curso a Consellería de Educación pechou as chamadas escolas unitarias de Solobeira e Guillán, en Vilagarcía, onde se rexistraron dúas e dúas matrículas. Decisión que se adoptou por non chegar ao cociente e por non haber previsión de incremento de poboación, que foi o que motivou que noutros centros semellantes de Galicia si se mantivesen.

"Neste curso en Galicia temos unha novidade: ata o momento só deixabamos aulas unitarias con seis alumnos. Este ano reducimos a cinco se temos evaludado que vaia a haber un incremento da demanda a medio prazo. Con Vilagarcía no principio do ano xa se falou para advertirlles da situación. Ninguén quere o peche de unitarias, pero non é lóxico que se non hai alumnos mantéñanse abertas". "En calquera caso, -engadía o consellleiro-,   o dato que marca o curso é que en Infantil e Primaria hai 4.030 alumnos menos, pero máis aulas", en concreto dous máis.

Obras de ampliación e reforma en Pontevedra

"Pontevedra é unha cidade que levamos anos consentindo en canto a infraestruturas educativas" dicía Román Rodríguez antes de falar das obras do IES Valle Inclán e do Froebel. O primeiro está a supoñer "o maior proxecto de rehabilitación dun centro educativo en Galicia", cun investimento de máis de cinco millóns de euros. "Eu sempre digo que o Valle Inclán é unha catedral educativa cunha fortísima presenza na cidade".

En canto ás obras no colexio Froebel indicou que se están executando "en tempo, forma e prazo" e lembrou que tamén se realizaron obras de ampliación no IES Luis Seoane e no CIFP Carlos Oroza. Para completar a listaxe de infraestruturas engadiu que "se está traballando na ampliación dunha escola infantil".