A cabeza de lista por Pontevedra de Marea Galeguista, Peque González, reuniuse este luns co presidente da Federación de ANPA de centros públicos da provincia, Rogelio Carballo, e representantes deste colectivo.
Tras escoitar a posición da federación sobre a importancia das clases presenciais, a representante da Marea avanzou que "para o próximo curso nosa aposta é que, maioritariamente, a educación ten que ser presencial. Porque consideramos que a educación non só é unha cuestión de contido, senón que tamén é imprescindible o afecto, a interrelación e o traballo cooperativo. A escola non está preparada para un ensino a distancia", sinalou.
González entende que durante a crise sanitaria "as nenas e nenos foron os grandes esquecidos e prexudicados. Estaban na casa, sen que ninguén pensase neles. E, a pesar diso, tiveron un comportamento exemplar", sostivo.
Marea Galeguista criticou ademais a falta de plans de formación para o profesorado, que a día de hoxe son "anecdóticos" e que "normalmente son contratados a empresas privadas e o único que fan a posteriori é cuantificar canto profesorado fai ese tipo de cursos e non se avalía a calidade".