"Para as vítimas, desgraciadamente, chegamos tarde. Cada unha delas é un gran fracaso colectivo"

Pontevedra
20 de novembro 2023

Como cada 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, Pontevedra visibiliza a loita social contra as violencias machistas. Fíxoo xa desde este luns, colocando a pancarta conmemorativa no balcón da casa consistorial da Praza de España

Pancarta conmemorativa do 25N en Pontevedra
Pancarta conmemorativa do 25N en Pontevedra / Mónica Patxot

Como cada 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, Pontevedra visibiliza a loita social contra as violencias machistas. Fíxoo xa desde este luns, colocando a pancarta conmemorativa no balcón da casa consistorial da Praza de España.

Tras o despregamento desta pancarta, Rosa Campos, directora do CIM de Pontevedra, deu lectura no pleno da corporación municipal ao manifesto institucional do 25N, que nesta ocasión foi elaborado pola Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM).

Nel, despois de poñer en valor o traballo "calado e discreto" das persoas que traballan para mellorar a situación das vítimas e de todas aquelas mulleres en situación de vulnerabilidade, Campos apelou ao compromiso de toda a sociedade para erradicar esta lacra social.

"O 25 de novembro é unha data para a denuncia activa de toda a sociedade, unida, en contra da violencia que se exerce contra as mulleres polo feito de ser mulleres", subliñou a responsable do CIM pontevedrés, que entende que o conxunto da cidadanía ten que "sentirse interpelado".

A violencia machista, segundo recolleu este manifesto, é un problema cultural e estrutural "que ten as orixes nas relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres e que polo tanto precisa de medidas artelladas desde a propia sociedade".

O papel que teñen os concellos "é fundamental", subliñou Rosa Campos, porque poden garantir a atención ás vítimas, o acceso aos recursos dispoñibles, a actuación coordinada e áxil ante estas situacións e a prevención da violencia a través da concienciación cidadá e da educación.

O manifesto advertiu que esta educación resulta "imprescindible" fronte o "alarmante aumento" das violencias machistas entre a mocidade, "alimentado pola constante hipersexualización e cousificación do corpo das mulleres, a cultura da violación, o fácil acceso á pornografía, os mitos do amor romántico e a difusión a través das redes sociais".

"A suma de todo isto contribúe a crear relacións violentas a idades temperás, e a educación en igualdade é a mellor e máis eficaz ferramenta da que dispoñemos para frealo", engadiu Campos.

Este "compromiso e implicación" de toda a cidadanía é vital á vista das denuncias presentadas, os casos agochados de violencia ou as mulleres asasinadas, 52 este ano. "Para elas, desgraciadamente, chegamos tarde. Cada unha delas é un gran fracaso colectivo", sentenciou

A declaración recorda que ese compromiso "demóstrase con accións", dotando aos CIM dos recursos persoais e materiais suficientes para atender ás vítimas e poñendo en marcha desde as administracións públicas leis, plans e políticas de igualdade.

No caso de Pontevedra, rematou o manifesto, "declaramos o noso firme compromiso de traballar incansable e responsablemente na mellora das accións contra as violencias machistas a través da coordinación cos recursos sanitarios, sociais, educativos e de seguridade, así como do acceso á atención e aos recursos para as mulleres que as sofren".