Cunha nova 'papanoelada moteira' arrancará, este sábado 7 de decembro, a intensa programación deseñada polo goberno municipal de Caldas de Reis para festexar o Nadal, un mes cheo de festas con chocolate, música, deportes e moitas outras actividades.
Despois do éxito do pasado ano, Caldas volverá a apostar por repartir de novo as celebracións de Nadal tanto polo centro da vila como por todas as parroquias.
"Son datas moi especiais para gozar xuntos, polo que dende o Concello poñemos da nosa parte para que o ambiente sexa estupendo e o movemento comercial tamén sexa o mellor", destacou o responsable de toda esta programación, o tenente de alcalde, Manuel Fariña.
O calendario festivo en Caldas, tras o acendido das luces de Nadal o pasado venres, comezará coa peña moteira 'Os Keimaos', que este sábado encherá as rúas da vila de Papás e Mamás Noel, cun percorrido en moto que partirá ás catro da tarde da Tafona.
Chegarán ás oito da noite á rúa Souto María López tras facer un percorrido polas parroquias. O final da ruta contará cun chocolate con churros e non faltará a parte solidaria. Será preciso levar alimentos ou xoguetes para os nenos e nenas de Valencia para paliar os efectos da dana.
As actividades e obradoiros de manualidades propios do Nadal comezarán o luns día 9 cun obradoiro de arte floral no Fogar do Maior, que se repetirá o luns 16.
Haberá tamén outro taller para facer agasallos de coiro o día 11 na mesma localización e un obradoiro de adobíos na biblioteca o día 13 ás seis da tarde.
Xa no mes de xaneiro, destinadas a público infantil, organizaranse sesións no auditorio ás cinco da tarde relacionadas coa cabalgata, para as que será precisa inscrición previa.
Outra das iniciativas será o 'Choconadal' polas parroquias, unhas xornadas de convivencia, chocolate e rosca que comezarán o día 14 no Saiar e seguirán o día 15 en San Clemente, o 16 en Bemil, o 17 en Tivo, o 18 en San Andrés, o 19 en Godos, o día 20 en Carracedo e o 21 en Arcos.
A música será outro dos ingredientes principais cos que o Concello ambientará as festas.
Están organizadas audicións de Nadal na Escola Municipal de Música para o día 10, o 11 e o 12 ás sete da tarde, así como tamén un concerto da Coral Polifónica na igrexa de Santo Tomé o día 22 ás oito menos cuarto da noite.
Porá o broche musical da programación o concerto de Nadal da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, ás oito da tarde do día 29 na igrexa de Santo Tomé.
Os deportes serán tamén este Nadal motivo de encontro. O Concello, da man dos diferentes clubs locais, organizará unha exhibición 4x4 en San Andrés a partir das 10:30 horas do día 14. Será tamén unha cita solidaria xa que recollerán xoguetes para a rapazada valenciana.
O día 23 será o Día do Baloncesto no pavillón municipal. Haberá competicións para xogadores de 6 a 10 anos entre as dez da mañá e a unha da tarde, de 11 a 15 anos entre as cinco e media da tarde e as oito da noite, e a partir de 16 anos dende as oito ata as dez da noite.
O Día do Voleibol, o día 26, terá participantes de 8 a 15 anos entre as dez da mañá e a unha da tarde e entre as seis da tarde e as nove da noite para maiores de 16 anos. No Día do Xadrez, o 27 de decembro, haberá partidas para todas as idades entre as dez da mañá e a unha da tarde.
Xa o día 28 celebrarase, como xa é habitual, o trofeo de salvamento na piscina pública Antía García Silva, para dar paso xa o 2 de xaneiro ao Día do Tenis de Mesa.
BAILE DE NADAL
Como novidade especial da programación deste ano, haberá un baile de Nadal para as persoas maiores. Será no Centro Comarcal ás oito da noite e estará amenizado con música en directo do Dúo Acheriza2, segundo avanza o responsable da área de festas, Manuel Fariña.
Outra das citas máis sinaladas será a chegada do Apalpador o 23 de decembro, que fará un percorrido pola vila saíndo á unha da tarde da Praza das Palmeiras. Xa pola tarde, na Praza José Sesto, estará Papá Noel a partir das catro e media para atender a toda a rapazada que o desexe.
Igual que o ano pasado, volverán realizarse as 'Badaladas Miúdas', destinadas a que as máis novas e novos de Caldas vivan o cambio de ano cunha gran festa. Neste caso a celebración será o 30 de decembro ás seis da tarde na Praza das Palmeiras e contará con ambientación.
A programación municipal de Nadal pechará o cinco de xaneiro coa gran cabalgata dos Reis Magos, que comezará ás cinco da tarde.