Papá Noel, rumbo a todos os fogares tras un último parón no mercado de abastos

Pontevedra
24 de decembro 2024
Actualizado: 19:37

A visita de Papá Noel formaba parte das actividades incluídas na campaña Nadal no Mercado, coa que o goberno municipal quere dinamizar este espazo nunhas datas tan entrañables

Papá Noel visita o mercado de abastos de Pontevedra
Papá Noel visita o mercado de abastos de Pontevedra / Mónica Patxot

Horas antes de que inicie o seu periplo por todos os fogares pontevedreses, Papá Noel quixo ter un último contacto directo cos máis pequenos e pequenas da casa.

Foi no espazo gastronómico do mercado de abastos, onde os máis zoupeiros puideron facer as súas peticións de última hora para esta Noiteboa.

A visita de Papá Noel formaba parte das actividades incluídas na campaña Nadal no Mercado, coa que o goberno municipal quere dinamizar este espazo nunhas datas tan sensibles e entrañables como o Nadal.

Ademais deste encontro, foron moitos os nenos e nenas que participaron nas tres quendas que se organizaron do taller de creación de panxoliñas, así como nas actividades que durante todas estas festas se celebran no Ganapán.

Neste 24 de decembro, Nadal no Mercado tamén acolleu con gran éxito a representación do espectáculo Unha historia de Nadal.

Para os próximos días, tras un merecido descanso, as actividades retomaranse o 30 de decembro, ás 20:30 horas, co concerto do Nadal de Tony Lomba.

Xa o 31 de decembro, xunto cun taller de cotillón infantil, haberá unha gran festa infantil amenizada por un DJ.

Esta festa incluirá as badaladas adiantadas de Ano Novo, coas que todos os asistentes poderán festexar xuntos a inminente chegada do 2025.