O proxecto presentado polo Concello de Vilaboa á convocatoria de axudas xestionadas a través do GALP Ría de Pontevedra conseguiu unha nova achega económica que facilitará a recuperación da contorna do Forno de Cal e Punta da Travesada, en San Adrián de Cobres. Trátase dunha subvención de 190.000 euros, o 94% do coste total, para un investimento a executar en dúas anualidades e que comezará este mesmo ano co levantamento topográfico e a redacción do proxecto. O orzamento total supera os 200.000 euros.
Será no 2025 cando se executen os traballos e se instalen na zona paneis informativos con códigos QR que faciliten a comprensión deste espazo. Ademáis realizaranse audioguías que tamén se almacenarán na web do Concello. Unha vez rematados os traballos, organizarase unha xornada informativa aberta a toda a veciñanza.
Estes paneis conterán información que divulgue a actividade industrial dun forno con certas particularidades como o feito de que a mercancía para facer a cal chegáballe por mar para lograr unha produción intensa destinada sobre todo á construción, xa que o encalado das vivendas era o xeito máis común de sanealas e protexelas da entrada de insectos a metade do século XX.
A posta en valor do Forno do Cal comezou no ano 2022 coa recuperación deste elemento singular do patrimonio industrial de Vilaboa, un entorno que hoxe é xa escenario de encontros e actividades de reunión coa veciñanza, ademáis dun elemento de alto valor didáctico co que traballan os centros escolares do municipio.
A recuperación deste entorno forma parte dun ambicioso proxecto no que o Concello contou coa colaboración da empresa Pesca Puerta propietaria da parcela, e coa Comunidade de Montes de San Adrián que cedeu os terrenos colindantes que agora permitirán o acondicionamento da zona que vai desde a Ponte de Rande ata a Punta da Travesada.
En San Adrián e Santa Cristina de Cobres, parroquias onde residían boa parte dos traballadores deste forno que se mantivo activo ata a década dos 60, quedan ainda testemuñas vivas dun oficio moi duro no que as tarefas das mulleres eran ben diferentes das que realizaban os homes. Ese conxunto de persoas traballadoras foron as protagonistas no acto inaugural do Forno do Cal.
Tanto para o alcalde de Vilaboa, César Poza, como para a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, a posta en valor deste espazo supón unha das prioridades en materia patrimonial para este mandato.
No acto inaugural do Forno de Cal, César Poza anunciara xa as liñas de traballo do goberno local cara o futuro no litoral. "Este é o inicio dun soño que teño como alcalde e que espero acadar algún día, que é recuperar todo o borde litoral do noso Concello para o uso e desfrute da cidadanía, que poida a pé ou en bicicleta percorrer o camiño do cal ao sal, é dicir, conectar a Ponte de Rande con Paredes pola costa, para que todos os veciños e veciñas e as persoas que nos visiten poidan desfrutar das fermosas e incomparables paisaxes que Vilaboa ofrece neste recuncho da Ría de Vigo".
Esta segunda fase do proxecto supón un paso adiante da futura Ruta do Cal ao Sal.