O candidato á presidencia da Xunta pola Marea Galeguista, Pancho Casal, visitou este sábado Pontevedra acompañado pola cabeza de lista por esta provincia, Peque González.
Casal lembrou que a Marea Galeguista é unha forza que só toma as decisións en Galicia, que non ten dependencia fóra: "Nós non precisamos que veñan de Madrid a facernos a campaña. Somos unha opción que só depende das galegas e dos galegos e cremos nas potencialidades do país para construír unha nova realidade", dixo o candidato.
"A Marea Galeguista está aquí para buscar solucións ás emerxencias ás que se enfronta Galicia, nomeadamente, a dos servizos sociais, a ambiental e a feminista. As mulleres foron as que máis sufriron durante esta crise. Son a que principalmente fan o coidado dos nenos, dos maiores e da casa. Iso ten que estar protexido e coidado polas administracións públicas", dixo Peque González.
Pola súa banda, Pancho Casal, demandou á Consellería de Sanidade que ofreza "información" sobre a situación no norte da provincia de Lugo e tamén, que "publique inmediatamente o protocolo" ante rebrotes e advirte das consecuencias que a situación desatada pode carrexar no proceso electoral en marcha.
Igualmente, lembrou que En Marea apoiou a convocatoria das eleccións, en contra da postura do resto de partidos da oposición con presenza na Cámara galega, pero "con garantías de seguridade que o goberno de Feijóo non está dando".