A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, acompañada polos concelleiros Eva Vilaverde, Iván Puentes e Paloma Castro, encargouse de despregar a pancarta que dá inicio a unha etapa que busca a promoción do municipio para relanzar a actividade económica despois da etapa máis dura do confinamento con motivo da COVID-19.
Ademais da instalada no balcón da Casa do Concello tamén se estableceu outra na Casa da Luz, como punto central da Zona Monumental, cun logotipo da campaña #PonteLovers e a imaxe dun paxaro saíndo dunha gaiola para escenificar a situación actual de reinicio das actividades empresariais e sociais.
Esta iniciativa inclúese nas accións promocionais que leva a cabo a plataforma Reinicia Pontevedra - #PonteLovers. A partir de agora, coincidindo con esta Fase Primeira da desescalada, intensificarase a publicidade exterior coa instalación de pancartas e de mupis, ademais de analizar as posibilidades dun desenvolvemento de merchandising específico con mensaxes máis directas.
A páxina de Facebook de #PonteLovers xa conta con máis de 3.000 seguidores, anunciou Yoya Blanco que lembrou que hai que retomar a actividade pero con "sentidiño e responsabilidade". Tamén este martes mantense o encontro da Mesa de Comercio, dentro das reunións con mesas sectoriais que se marca a concellería de Promoción Económica.