Panaderías Acuña empregará medio cento de persoas na sede que construirá en Barro

Barro
09 de outubro 2019

A empresa prevé iniciar a construción das súas novas instalacións na primavera de 2020 e escolleu asentarse en Barro pola súa localización estratéxica. Nestas instalacións traballarán entre 50 e 60 persoas e apostarán, dentro do posible, pola incorporación de persoal da zona de Barro

Andrés Acuña Blanco e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes
Andrés Acuña Blanco e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes /

Panaderías Acuña ten previsto trasladarse ao polígono de Barro. Así llo comunicou o seu copropietario, Andrés Acuña Blanco, ao alcalde do municipio, Xosé Manuel Fernández Abraldes, na xuntanza que ambos mantiveron por este asunto.

A empresa prevé iniciar a construción das súas novas instalacións na primavera de 2020 e escolleu asentarse en Barro pola súa localización estratéxica.

Para iso, avanza a compañía, teñen decidido comprar unha parcela no próximo concurso público da Deputación de Pontevedra.

Nestas instalacións traballarán entre 50 e 60 persoas e apostarán, dentro do posible, pola incorporación de persoal da zona de Barro. 

O alcalde, con quen xa mantiveran conversas hai meses para estudar as posibilidades deste traslado, manifestoulle o seu agradecemento por ter apostado finalmente por Barro para asentar a súa empresa e transmitiulle que desde a institución municipal farán todo o posible para axilizar toda a tramitación administrativa.

Fernández Abraldes destaca que a creación de postos de traballo e a dinamización da actividade económica "é unha prioridade para nós", xa que considera "fundamental" promover a actividade económica local e dar facilidades para o asentamento de novas empresas nos seus polígonos.