Esta primeira fin de semana de agosto, os propietarios de Panadería Acuña, os curmáns Andrés e Jacobo Acuña, recollían a terceira colleita de trigo autóctono, variedade callobre, na plantación experimental da súa leira de Vilaboa.
Este ano bautizaron a colleita deste trigo Quilómetro Cero co título de 'Palleiro'.
Como explica Andrés Acuña, "este ano, como reivindicación e posta en valor da nosa tradición, elaboraremos un palleiro, a forma ancestral de almacenamento da palla que permitía ter alimento para o gando á vez que, coa súa peculiar forma cónica e modo de construción, permitía protexela das inclemencias do inverno galego".
A leira atópase nun terreo familiar de 5.000 metros cadrados no lugar de Bértola, que levaba máis de trinta anos en estado de abandono cando hai tres anos, tras duras xornadas para preparar o terreo, comezaron a plantación experimental. "Esta plantación é un exemplo da nosa aposta polos produtos de proximidade e con ela elaboramos os nosos pans de Quilómetro Cero, que unicamente empregan trigo galego de proximidade", matiza Andrés Acuña.
A plantación de trigo de Vilaboa é un acto reivindicativo da tradición e valores que en Panadería Acuña pasaron de xeración en xeración desde que Rogelio Acuña fundase a empresa panadeira en 1950. Valores aos que os seus bisnetos, Jacobo e Andrés, a cuarta xeración, fan honra con esta iniciativa.
Unha aposta clara e decidida de Panadería Acuña pola materia prima de proximidade e de máxima calidade. En definitiva, volver á orixe.