Hai un ano, Panadería Acuña embarcábase nun proxecto revolucionario en terras lalinenses. Fiel ao espírito de "volver á orixe", a empresa capitaneada polos curmáns Andrés e Jacobo Acuña poñía en marcha unha plantación experimental de tres hectáreas de trigo autóctono de Galicia, da variedade Caaveiro.
Nese momento, Andrés Acuña comentaba que se trataba de "unha aposta arriscada", xa que nesa zona nunca se plantou este tipo de trigo.
Pasados seis meses dende a sementeira, no mes de agosto concluíase con éxito a primeira colleita. Acuña anunciaba que obtiveran un rendemento de 7.300 quilos, aproximándose a 2.500 quilos por hectárea.
Estes bos números confirmaban a viabilidade destas terras e da iniciativa de Acuña de recuperar o auténtico trigo Caaveiro.
O compromiso de Acuña co produto de proximidade e as fariñas Quilómetro Cero (o gran obtido en Lalín móese a só 20 quilómetros, en Melide) levou á firma pontevedresa a emprender unha ampliación do terreo cultivable.
Da man do produtor local, Miguel, este ano suman unha nova hectárea á extensión de cultivo. Desta maneira, alcanzarán unha produción efectiva de catro hectáreas de trigo Caaveiro 100% galego en terras lalinenses.
Baseándose nos resultados da primeira colleita, para este ano espérase un rendemento de 10.000 quilos de cereal.
Este respecto polas orixes maniféstase en todos os procesos do cultivo. Previo a sementeira do gran deste mes de febreiro, enriquecíase o terreo con abono verde, é dicir, usando plantas para nutrir a terra e asegurando deste xeito a sustentabilidade do cultivo.
DE LALÍN A VILABOA
Conxuntamente coa plantación de trigo Caaveiro de Lalín, os integrantes da cuarta xeración de Panadería Acuña continúan co que foi o primeiro proxecto de recuperación de variedades autóctonas deste cereal.
Na leira familiar da Ramalleira (Bértola-Vilaboa) hai catro anos empezaron a experimentar co trigo 100% galego, neste caso da variedade Callobre. Nos próximos días teñen previsto labrar o terreo de 5.000 metros cadrados e continuar coa aposta polos trigos autóctonos e os produtos artesáns de proximidade.