Pan con aceite en louza de Sargadelos para gozar do Entroido pontevedrés

Pontevedra
10 de febreiro 2017

O cartaz de presentación das festas do Entroido deste ano foi elaborado por Kiko da Silva en colaboración con Din Matamoros. O venres 24 de febreiro comezarán coa lectura do pregón na praza da Ferrería en lugar de na praza da Verdura

Carme da Silva, Kiko da Silva e Din Matamoro presentan o cartel do Entroido 2017
Carme da Silva, Kiko da Silva e Din Matamoro presentan o cartel do Entroido 2017 / Mónica Patxot
Detalles sobre a elaboración do Entroido 2017 /

Un anaco de pan recrea a imaxe do loro Ravachol acompañado por unha mancha de aceite de oliva coa forma da igrexa da Peregrina sobre un prato de Sargadelos. Trátase dunha imaxe representativa da relación da comida co Entroido e Kiko da Silva xunto ao seu familiar lonxano, o artista, Din Matamoro, elaboraron un cartel de forma redonda e que trata de recoller a esencia da festa que se iniciará o venres 24 na cidade.

A concelleira Carme da Silva, cos dous autores do cartel, falaba dunha "obra de arte" ao referirse ao cartaz deste ano. Din Matamoro sinalou que a súa creación parte de obxectos cotiáns e, en particular, dos alimentos. Sinalaba que observar estas pezas uno permítese quedar quieto para ver como se move o mundo. Kiko da Silva sinalou a importancia de reivindicar Sargadelos, unha empresa que desde a morte de Isaac Díaz Pardo "colga dun fío", segundo o debuxante, pero que supón un patrimonio artístico moi importante para Galicia.

Desta forma, o cartel reivindica a cultura galega e o aspecto gastronómico.

A responsable de Festas sinalou que o 18 deste mes haberá un anticipo das actividades do Entroido con pasarrúas de Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa).

A partir do venres 24 iniciaranse as festas con degustación de filloas e a lectura do pregón a cargo de pregoeiros, que aínda permanecen en segredo, na praza da Ferrería. Trasládase, por tanto, do seu escenario habitual, a praza da Verdura, que quedara como un lugar "incómodo" debido ás súas pequenas dimensións. Esa mesma xornada, tamén se desenvolverá unha noite de Cantos de Taberna de Entroido.

O sábado 25 terá lugar o desfile a partir das 16.00 horas se as condicións metereológicas o permiten. O luns 27 descubrirase de que se disfraza este ano Ravachol; o martes 28 terá lugar a Noite Pirata; a corrida da Rosca será o mércores; a final das Murgas chegará o xoves; o venres, a Parodia sairá á rúa e o sábado 4 concluirá o Entroido pontevedrés co enterro do loro Ravachol.

Arquivado en